A maior parte dos freires franciscanos do convento de Santa Marta abandonaran a súa residencia, á entrada dos franceses na poboación. Case todos eles vestiron roupas de paisano e pasaron a incorporarse á grei valerosa, que habería de recibir públicas gabanzas de Lord Wellington. Frei Francisco Giraldez foi un deles.
Abandonou a poboación de Vigo en compañía de frei Andrés de Villageliú, e se dirixiu ao val da Louriña e Santo Antoíño, onde, por esta data que hoxe reseñamos, logrou organizar o seu trozo de xente armada. Tal foi o seu celo e ardente entusiasmo, que o primeiro de marzo a primeira paisanaxe proclamouno comandante xeral do Val de Loiuriña. Con oitocentos paisanos dirixiuse decontado a estreitar o cerco de Vigo, “pois todos os días había combates formais, aos que con valor se presentaban ditos relixiosos, e animaban a todos para que non temesen”.
O día 14 seguinte baixaron de Pontevedra cara Porriño cincocentos franceses, tomando despois o camiño de Puxeiros, cara Vigo. Alí esperábaos o padre Giráldez, que dispuxera diversos parapetos, con pedras e árbores atravesadas ao largo do camiño. Compoñían o seu destacamento naquel lugar unicamente vinte e dous homes armados; mais, grazas a súa afouteza e hábil disposición, lograron rexeitar á tropa inimiga, en grande parte da cabalaría. Os franceses deixaron na refrega “dezaseis mortos, entre eles un tenente coronel, once prisioneiros, dous cabalos, vinte fusís, tres reloxos de peto, catro pistolas e outras alfaias”. Pola súa banda, os nosos tiveron tres mortos e un ferido.
Vista a inutilidade dos seus esforzos, os franceses tomaron monte arriba, entre Santa Mariña, de Cabral, e de Bembrive, mais o padre Giráldez saíulles ao paso, colléndoos entre dous fogos. Alí deron morte a seis franceses máis e fixeron cinco prisioneiros, coas súas armas; o padre Giráldez perdeu soamente dous homes, continuando a persecusión da columna inimiga dende Santa Cristina até o Couto, en cuxo lugar pereceu o comandante francés. Esta nova perda obrigou á columna a retirarse cara a Tui, e dende aquel día as tropas invasoras se mantiveron encerradas tras os muros de Tui e Vigo, sen se atrever a intentar saídas en masa, coa excepción dos días 15 e 16, nos cales a forza da gornición de Vigo chegou deica Castrelos, recibindo de novo duros castigos.
Apretándose cada día máis o cerco a nosa cidade e adiviñando próximo o do seu asalto, o padre Giráldez mandou facer quince escadas de corda. Chegado o día magno do asalto á cidade, as forzas do padre Giráldez foron destinadas por Cachamuíña para atacar a porta da Gamboa. Antes de que esta fose derrubada polos históricos machetazos. Intentou o padre Giráldez escalar os muros cos enxeños que mandara contruir. Diante da imposibilidade de realizar a escala, polo nutrido fogo dos sitiados, un anónimo heroe das forzas do padre Giráldez, “bramando en furia”, tomou unha machada e iniciou a épica tarefa de derrubar a porta, que habería concluír persoalmente o hecúleo Cachamuíña, ferido naquela case mítica acción por catro balazos.
20 de febreiro de 1809. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008).