Aínda o desastre de Rande, segundo os apuntamentos que vimos seguindo: ”Ao día seguinte de concluída a sanguenta batalla, isto é, o 25 de outubro, fixeron os inimigos baixar ao mar numerosos buzos con pouco efecto porque a artillaría de Vigo a onde alcanzaba, impedíallo: e volvendo embarcar a súa xente, enchendo de flámulas e gallardetes os barcos, cantaban con frautas e frautíns a vitoria, e dirixindo as proas aos seus portos, comezaron a saír da ría o luns dese mes e continuaron o seguinte 31, como así o dixo ao noso concello o Capitán Xeneral, duque príncipe, deixando chea de tristeza e de horror esta terra; xa que, ademais da perda referida, fixeron grande estrago e queimas en casas, templos e imaxes e cometeron outras profanacións e males. Despois da saída da escuardra inimiga, inmediatamente os españois buscaron no mar e recobrouse o que aínda non corrompera a auga”.
Fai despois referencia Ávila y Lacueva aos meritorios servizos que prestou a cidade e a provincia de Tui en tan memorable ocasión, concluíndo: “Con motivo da presente guerra foi moito o que sufriu e padeceu a provincia de Tui desde o mes de xuño até fin de ano, non só con ocasión de fortificar a costa marítima desde Baiona a Vigo, senón tamén coa condución de carros en grande número, asistencia persoal ás armas nas trincheiras, contribución de suma considerable de víveres, aloxamentos de infantaría e cabalaría, tránsito continuo de tropas, bagaxes e con outra multitude de servizos que prestou o que a fixo digna de toda recomendación e aprecio”.
25 de outubro de 1702. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)