As forzas inglesas de desembarco atacan as terras inmediatas á enseada de Rande sen que o duque de Barbanzón poida opoñer as súas con eficacia, atentas a manter incólume o casco urbano da vila de Vigo. Redondela é a localidade que sufre máis intensamente aquela bárbara acción inimiga que, non contenta con facer presa nas naves, dedicouse a incendiar as casas de Vilavella de Redondela.
Por se fose pouco, os propios naturais, sen dúbida cos ánimos alterados polo tremendo espectáculo dunha guerra sen piedade, dedicáronse, á súa vez, á rapina. Así, di a este repecto José de Santiago:
“Seguramente, tendo en conta a cobiza que tiña que espertar nos paisanos que conducían os carros de bois, o ter a prata na man, mentres os soldados combatían, non é aventurado crer que a meirande parte do tesouro desapareceu, roubado por uns e por outros. Algúns escritores ingleses aseguran que non todos os tesouros españois se perderon ou quedaron somerxidos na ría de Vigo, xa que aseguran que o conde de Chateau-Renaud tomou parte deles, morrendo inmensamenrte rico.
Aproveitándose os labregos das proximidades de Redondela, con outros malvados, do estado de alarma do país e de que todas as forzas militares estaban reconcentradas en Vigo e campamentos de Bouzas para poñer a praza a cuberto de un ataque da armada e exército anglo-holandés, tan axiña como se reembarcou o inimigo entraron nas casa de Redondela, cuxos habitantes fuxiran aos montes próximos e, aproveitándose da choiva que caía e das sombras da noite, roubaron canto puideron…” (Op. Cit., páx. 436)
28 de outubro de 1904. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)