Dáse conta de que a fragata «Abella», que arribou a San Simón o 9 de maio “sementando a morte e o espanto” a causa da peste reinante a bordo, saíu por fin, para A Habana, conducindo 297 colonos, dos cales 113 foron dados de alta naquel centro, completamente curados e albergados posteriormente no espazoso edificio do Areal.
“A salubridade do país, o esmerado celo desta xunta de Sanidade e do representante da empresa Feijóo, contribuíron a que gozasen da máis perfecta saúde estes irmáns nosos e xustificasen que adoptándose as medidas hixiénicas que a prudencia dita, non hai temor que o cambio de alimentos, nin reunión de persoas, sexan un foco de infección… Segundo nos informaron navegan coas comodidades posibles: levan mudas de roupa necesarias, catro gaitas coas que, tan axiña rendan viaxe, farán a súa entrada na Habana, tocando algúns aires deste país.”
A gaita sempre foi enganosa aliada da emigración. Tocar aires do país non é respiralos, senón, acaso, sentirse aínda máis faltos deles. Tería que promulgarse unha lei que prohibise a emigración das gaitas; estamos seguros que moitos dos nosos mozos quedarían aquí.
A que soarían, Señor, aquelas catro gaitas emigradas en 1854 baixo a lúa quente da manigua?
16 de xullo de 1854. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).