Unha curiosa relación do superior do convento de Santa Marta (Franciscanos), frei José Rafael Rolán, refire a ocupación de dito convento polas tropas francesas, en termos patéticos e, á vez, pintorescos. Velaí algúns parágrafos dun texto, que de boa gana ampliariamos, se as esixencias do espazo o permitisen:
“… Ás cinco da tarde, ao rematar de rezar o rosario na igrexa e cantar a Salve da imaxe da Nosa Señora das Dores co resto da xente que concorría a implorar o seu patrocinio, chegou outro deputado pedindo todo o convento… para hospedar a setecentos franceses. Apenas pechei as portas da igrexa… xa estaban no bosque os setecentos inimigos de corpo presente… Logo que viron (os oficiais) dúas camas na cela do Vixía acougaron; mais o resto da tropa… fendeu as portas da cociña e da oficina, sacaron tres porcos, en touciños, que se mataran no mes de decembro, roubaron todos os lacóns que alí había, e seis milleiros de sardiñas que un relixioso leigo tiña de encargo. Puxeron os lacóns e as sardiñas a quecer, e logo que comeron todo o que puideron comezaron a berrar pedindo viño, ameazando que se non o facía , me matarían. (Bos estarían aqueles bárbaros gaznates, co lacón e as sardiñas salgadas!).
“Ao ver tantas voces e ameazas, acudín ao que viña de superior de todos eles, pedínlle o seu auxilio, e díxenlle o que me pasaba. Xuntáronse os dous xefes, desenvaiñaron as súas espadas, metéronme no medio deles e mandaron que baixase á bodega na súa compañía, a dar viño e de beber á tropa… Pedín que o darlles viño fose pola miña man, asegurando eles a miña defensa. Puxéronse ambos os dous coas espadas desenvaíñadas, e á porta da reixa fixéronos vir de dous en dous, a recibir da miña man o que me pediran. Ás dez da noite rematou toda a liorta con eles, deixándome sen alimento para cear a min e a todos os que había no convento, que eran dous criados, un relixioso doente e un leigo, que estaba agochado. Ultimamante, aquela noite non puidemos pasala senón cun pouco de broa, pedida a esmola, e con traballo.” (CF. P. Juan R. Legísima, Héroes y mártires gallegos, pp. 457-465).
2 de febreiro de 1809. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).