Onte dedicamos o noso espazo ás letras; hoxe entran na vez os números que, aínda que alcumados de áridos e fríos, para nós teñen a súa calor humana cando, como neste caso, son reveladores do movemento vital dos pobos. Eis, pois, a poboación de Vigo e o seu termo (concellos de Bouzas, Vigo e Fragoso), segundo unha Lista dos pueblos de que se compone el partido de Tui con expresión del número de vecinos que contiene cada uno, formada con esta data e autorizada coa sinatura de D. Joaquín Varela. (Arquivo Libraría Monterrei).
“Bouzas: A vila de Bouzas, 68; S. Martiño de Coia, 73; Santiago de Bembrive, 168; San Estevo de Beade, 164; San Salvador de Coruxo, 191.- VIGO: a vila de Vigo, Santiago de Vigo, 888.- FRAGOSO: San Miguel de Oia, 200; San Paio de Navia, 94; Santa Eulalia de Alcabre, 46; San Andrés de Comesaña, 106; San Pedro de Matamá, 151; Santa Cristina de Lavadores, 450; Santa Mariña de Cabral, 174; Santo Cristovo de Candeán, 106; San Vicente de Trasmañó, 51; San Fausto de Chapela, 104; San Salvador de Teis, 220; San Andrés de Valadares, 220.”
Por Conseguinte, no ano 1813 contaba o actual termo municipal vigués, aumentado entón con dúas parroquias que hoxe non lle pertencen, unha poboación de 3.679 veciños ou cabezas de familia que, claro está, non é o mesmo que dicir habitantes. Un cálculo aproximado daranos as cifras de 14.000 habitantes para o termo municipal e 3.500 para a cidade e arrabalde de Santiago, deducindo daqueles os moradores de Chapela e Trasmañó, parroquias hoxe incorporadas a Redondela.
A referida lista aclara nunha nota que neste censo se atopan comprendidos os militares do exército e a armada, así como os eclesiásticos, agás os frades e monxas. E advírtese tamén que os datos numéricos están baseados no “censo da poboación do ano 97 formado polo Consulado; o que entregou o comandante militar; o que para o amaño de escribáns formalizou esta capital (Tui) en 1801; e o eclesiástico formado no propio ano”. É evidente, polo tanto, que as cifras en cuestión son dignas de crédito.
Por outro manuscrito, datado o 4 de agosto daquel mesmo ano, sabemos que a veciñanza de Vigo se distribuía así: veciños sen foro, isto é, civís, 558; eclesiásticos, 8; militares e matriculados ao mar, 298. O seu total, 894 veciños, con só a diferenza de 6 en máis sobre o censo datado no día de hoxe.
A comarca viguesa acaba de saír daquela dura proba que a faría merecedora dos seus brasóns de cidade e nel perdeu un bo número de valentes fillos, mozos na súa meirande parte. O colapso demográfico sería parello ao doutras pasadas ocasións na accidentada historia de Vigo. Pese ás súas excelentes condicións naturais, a vila medraba amodo. No século XII contaba xa con dúas paroquias, pero aínda a mediados do XV apenas se merecía o nome de vila. Por esta época, o arcebispo compostelán. Como señor xurisdiccional de Vigo, tería outorgado certos foros e franquías aos pescadores co ánimo de facilitar o asentamiento dunha nova poboación e deste feito queda o testemuño da designación de poboadores co que aínda hoxe se nome un vello recuncho do barrio mariñeiro. De datas posteriores recollemos datos estadísticos dapoboación viguesa, que o curioso afeccionado a estes estudos pode compulsar para mellor coñecer a xénese do crecemento de Vigo.
12 de novembro de 1813. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)