Leva esta data o interesante impreso titulado “Repartimiento entre los 11 partidos que comprende esta provincia, de 1915,781 reales y 32 mrs. vn. Que corresponde a ella por contribución sobre consumos decretada por las Cortes el 29 de junio de este año”. Asinan o repartemento D. Ramón Losada e D. Juan María Durán, presidente e secretario, respectivamente, da Deputación provincial de Vigo. Ao interese de tan curioso documento polo seu valor histórico e estadístico, temos que engadir o de estar contido no primeiro folleto impreso vigués até agora coñecido. Tras o encabezamento transcrito leva impreso o selo da Deputación provincial de Vigo, de forma ovalada, co escudo de España e, a seguir, o pé da imprenta: Vigo. En la imprenta de Arzá, año de 1822. En folio, con 8 follas sen paxinación, mesmo a portada. (Arquivo Libraría Monterrei).
O seu contido, como expresa o título, reflicte as cantidades coas que tiñan que contribuir os partidos e, dentro destes, as diversas vilas que os integraban para cubriren os 1.915.781 reais nos que tiña que participar a nova provincia de Vigo polo imposto de 100 millóns, decretado polas Cortes. Para o cómputo tivérase en conta até 19 bases, desde a inicial ou mínima, que calculaba a razón de 4 reais por alma. Sobre ella impoñíanse diversas porcentaxes, segundo que a localidade contase con goberno superior político, intendencia e oficinas principais de Facenda, Comandancia Xeneral Militar, bispado, consulado, cabeza de partidos; fose vila de tránsito, porto de mar, tivese baños, mercados, etc.
Os once partidos da provincia de Vigo eran: Bemposta, Caldas, Cambados, A Cañiza, Lalín, A Lama, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo. Ao partido de Vigo correspondíalle contribuir con 274.884 reais, dos cales 127.204 cargábanselle ao termo municipal. Era o concello e o partido máis gravado, xa que tamén é certo que contaba a maior densidade de poboación e que, agás o bispado e baños, recaían sobre a súa poboación todos os aumentos previstos nas 19 bases aludidas.
Tiña entón o concello de Vigo unha poboación de 9.380 almas, o de Pontevedra 6.105 e o de Tui 7.290. Pero a todos superaba o de Ponteareas, con 10.550 almas. Claro está que estas cifras se refiren aos termos municipais, non ás respectivas capitais.
Para o cácculo da poboación , a deputación computara a razón de cinco habitantes por cada cabeza de familia ou veciño, xa que é sabido que entón unicamente este contaba a efectos oficiais. Segundo isto, Vigo tería a fins do ano 1822 uns 1.876 veciños.
Volvendo ao impreso que nos ocupa, interesa destacar a presenza do impresor D. Pascual Arzá en Vigo no momento no que o Goberno constitucional crea a nova provincia en substitución da de Tui. Sen dúbida vía Arzá nesta mudanza a oportunidade de se facer cargo de todo o traballo de impresión que traería a situación política de Vigo, onde nese momento non existía ningunha imprenta. Xa temos dito que ao propio Arzá se lle encomendou a edición do Boletín patriótico de Vigo, aparecido ao ano seguinte deste folleto.
20 de outubro de 1921. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)