Chegan noticias de que á fin parece iniciarse a obra das vías de Vigo a Ourense. “A Gaceta recibida o xoves -comentaría o Faro, sempre alerta- anuncia para o 18 de abril próximo a poxa do ferrocarril deste porto a Ourense.
“Este simple anuncio é o máis seguro presaxio de que axiña comezará para Galicia unha época de rexeneración e prosperidade, cuxos límites non é doado por agora prever, abríndolle un porvir tan grandioso coma inmenso é o horizonte do va (sic) a condensarse o vapor, axente e causa motriz desta brillante mellora.
“É para o país imprescindible que calquera das súas principais comarcas empece a tocar de preto a benéfica influencia do poderoso axente do século XIX, xa que logo, o seu influxo, reflectíndose por todos os seus inmensos beneficios, ha lograr que, razoadamente unidos, poidan todos gozar de iguais vantaxes.”
“Mais cando o porvir sorrí a Galicia tan agradabelemente, non veñan mesquiñas intrigas de localidades ou pretendidas supremacías a retardar o día ventureiro”. “Desexamos e agardamos que, ante a sa e xenerosa idea do ben común, sexan propostas as demais de intereses secundarios”.
“Cando este asunto poida chegar ao seu feliz termo, despexado xa das mesquiñas nubes que acaso hoxe a embazan, entón xa non poñeremos límites marcados ao noso puro e franco entusiasmo”.
No medio da súa natural ledicia, que mesmo lle fixo preferir un romántico “dó” (e non de peito), o Faro tiña razón en airear a súas suspicacias. As intrigas non foron poucas para que a liña de Vigo a Ourense agardase aínda. E vaia se agardou! Vostedes poderán comprobalo, se teñen paciencia de seguir lendo até final de ano.
22 de xaneiro de 1861. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).