Circula por Vigo unha folla en 4º asinada por don José Llorente, don Atanasio Fontano, don Paulino Yáñez Rodríguez e don José Ramón Fernández que se titula Preguntas sueltas a un candidato, enderezadas a don Martín Useleti e Ponte. Pretendía este señor o apoio dos vigueses nas próximas eleccións a Cortes, mais o seu programa pareceulles aos asinantes da citada folla cheo de omisións e ideas vagas, polo cal, non sen retranca, guíndalle as seguintes preguntas:
«1ª: En qué cifra a súa independencia e qué medios a aseguran.2ª: Quen son eses bos e útiles amigos que poden axudalo ao seu obxecto. 3ª: Qué fracción do gran partido liberal o recomenda e garante. 4ª: Cáles son as súas ideas en política e en admiración pública, e tamén respecto á reforma da Constitución de 1845. 5ª: Se se fomenta a pesca de Galicia con sistemas exclusivos, ou coa liberdade de comercio e baratura do sal para todos, ou o seu desestanco. 6ª: Se se debe procurar, e se é asequible, a rebaixa de contribucións para esta vila, como un privilexio ou favor especial, ou por medio de medidas xerais de orde administrativa. 7ª: En qué consisten o abandono en que estivo esta vila, e qué se propón remediar o candidato, os obstáculos da estrada de Castela, e eses proxectos, que parecen ilusións. 8ª: Se non dana o carácter e dignidade do deputado facerse o axente de todo e para todos.”
Non sabemos o que contestou o señor Useleti, se contestou. Mais cremos que pensaría con Lope:”Un soneto me manda hacer Violante…”.
19 de xaneiro de 1853. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).