Don Francisco Fernández de Coto e don Antonio Arias Teixeiro, destacados homes a prol do absolutismo na provincia, e con longo historial político o segundo –refuxiado en Portugal durante o trienio liberal, encarcerado despois e só a última hora liberado do famoso desterro dos “apostólicos” a Canarias- propoñen ao Capitán Xeneral de Galicia un detalladísimo plan para a organización da Milicia Realista na provincia de Tui. Para isto divídena en dez distritos. Tui, Sobroso, Salvaterra, Crecente, Covelo, Soutomaior, Redondela, Fragoso, Miñor e Rosal, coas súas respectivas xurisdicións. A de Fragoso comprendía Vigo, Bouzas, Saiáns e Valadares para cuxos mandos propoñían os seguintes xefes:
“1º Comandante o Excelentísimo Señor Comandante Xeneral da Provincia de Tui, dignísimo por todos os títulos para este curtísimo destino.”
“2º Comandante don Hermenegildo Gallego, veciño de Vigo, maior de corenta anos, curixián retirado do Exército, un dos pouquísimos realistas verdadeiros daquela vila que auxiliou do xeito que mellor puido aos verdadeiros realistas que atentaban contra o sistema (constitucional) e foi perseguido sen nota na súa conducta.”
“1º Axudante: don Diego de Soto, veciño da parroquia de Chapela, maior de trinta anos, facendado, oficial de milicias retirado na época da Revolución; está reputado en concepto público por suxeito de boa conducta, bos sentimentos e desafecto ao sistema.”
“2º Axudante: Domingo Alonso, veciño da parroquia de Valadares, maior de trinta anos, algo facendado; foi cabo do rexemento de Granada, retirado na época revolucionaria por inimigo do sistema. Cooperou contra este en unión do seu párroco de Valadares, estando disposto a baterse coa tropa constitucional, presentándose ocasión; a súa conducta moral e política está ben acreditada por informacións do seu párroco e outros.”(Arquivo Libraría Monterrei).
Esta Milicia de Voluntarios Realistas organizouse, en efecto, igual que no resto do país, e a súa intervención sería activa na historia política dos futuros anos. Dos seus cadros de mando e das súas filas nutriuse despois o exército carlista.
Fillo de don Antonio Arias Teixeiro foi o destacado home de ciencia don José, nacido en Pontevedra o 6 de febreiro de 1799 e falecido na súa casa patrucial da Ramallosa o 27 de setembro de 1867. Coñécese máis pola súa actuación política- foi ministro do Pretendente, perseguido por Maroto e exiliado durante vinte e cinco anos en Beaune (Francia)-, mais a súa auténtica personalidade manifestábase no eido das Ciencias Naturais. Foi, en efecto, un notabilísimo entomólogo, que presentou, entre outros traballos de enorme interese, un completísimo Cadro Entomolóxico da comarca de Cotê d´Or á Academia de Ciencias de París, a que legou o seu inédito labor científico. En Galicia tiña como correspondente a outro notable naturalista, totalmente esquecido: don Francisco de los Ríos Naceyro, residente en Santiago. Os vigueses Marcó del Pont mantiveron estreita amizade con don José Arias Teixeiro y Correa, un dos máis ilustres fillos de Pontevedra.
26 de xaneiro de 1830. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).