Lavadores era un concello que polo achegamento xeográfico ao porto de Vigo se fundía coa cidade olívica. Vigo comezou a ter o seu grande crecemento a finais do século pasado. Pasou de ser unha vila mariñeira a un grande porto que trasladaba milleiros de emigrantes cara á América. Mentres tanto Lavadores era un concello de características semirrurais onde as mulleres atendían o traballo rural mentres os seus maridos tiñan que traballar na pesca.
O goberno de Chile realizou unha campaña en Galiza de captación de emigrantes entre 1884 e 1910. Malia a iso, Chile non foi o destino elixido pola maioría dos nosos paisanos, que preferiron Bos Aires, Montevideo ou A Habana. A situación xeográfica deste país así como o longo percorrido en barco ou mesmo o prezo do mesmo foron motivos importantes para que os nosos paisanos elixisen países máis próximos. Nembargantes, os irmáns Nieto Otero decidíronse por escoller o camiño do país andino. Xa outros galegos o fixeran anteriormente comezando polo ilustre navegante e poboador Pedro Sarmiento de Gamboa, no século XVI.
Despois de case un mes de navegación entre mares furiosos e seguindo os lugares descubertos por Gamboa e percorrendo a fermosa costa chilena, Ramón Nieto chegou ao Porto de Valparaíso, onde fixará a súa residencia. Segundo consta no Consulado Español de Valparaíso, Ramón tiña o certificado consular número 256, o que nos indica a escasa presencia da emigración española naquela época.
Que casualidade podería pensar Ramón ao ver que a cidade de Valparaíso era moi parecida a de Vigo. A súa paisaxe mariña, a súa arquitectura, as súas costas. Ramón atopábase como na casa máis tiña que facer o imposible por triunfar. Algún dia conseguirei o diñeiro necesario para voltar a Lavadores -dicíase para dentro- mentres contemplaba o inmenso Océano Pacífico. Na súa mente moza estaba a lembranza dos seus amigos, máis tamén estaba a tristura de saber que na súa aldea os nenos carecían de escolas. Galiza estaba atrasada porque necesitaba educación; este era o seu pensamento constante. Cando polas tardes, despois dunha longa xornada de traballo, Ramón sentaba a contemplar as altas montañas da Cordilleira dos Andes, comprometíase unha e outra vez para dentro: «Teño que triunfar, teño que facer unha fortuna para poder axudar aos meus, aos que máis o necesitan». Con este pensamento e con esta filosofía encarou a súa nova vida, que ao pouco tempo lle foi dando uns excelentes resultados.
Ramón o que tiña era un porte elegante e modais finos para aquelos tempos. Coñeceu a María de la Vega, con quen casou. Segundo os que o coñeceron a Ramón Nieto, María era dunha familia adiñeirada e ben relacionada da burguesía chilena.
Chile era un país que naquel tempo estaba interesado en explotar as súas riquezas agrícolas e industriais. E ao mesmo tempo estaba interesado en ocupar poboacionalmente algunhas zonas por motivos xeopolíticos, como eran o norte, o centro do país e o sur. O historiador S.Collier no seu libro «Ideas e Políticas da Independencia de Chile» (1808-1833) expresou que o prócer Bernardo O’Higgins pensaba que a inmigración era un medio que podía mellorar os problemas de Chile e por eso «instou a enviar un convite oficial a familias que estaban saíndo de Europa debido á pobreza ou á persecución, ofrecéndolles terras, man de obra barata e privilexios específicos».
Por toda Galiza as empresas de navegación ou os países interesados desenvolveron activas campañas de recrutamento de mozos traballadores desexosos de comezar unha vida máis digna. A finais do século pasado os países americanos afianzáranse en distintas fábricas e industrias especialmente nos rubros de: navieiras, hostelerías, panificadoras, tabaco, xastrería, catres, confeitos, sombrería, calzado, muíños, tubos, baldosas, mobles, farmacia e librería.
Nembargantes, foi na industria do salitre onde unha boa parte de galegos chegaron a ser donos de grandes compañías. Cara a esa rama industrial orientouse o emprendedor Ramón Nieto trasladándose cara a Iquique, a zona norte de Chile, onde existían as grandes explotacións de salitreiras.
En Chile existen os únicos xacementos de salitre natural do mundo, producto que na época gozaba de grande demanda polas súas condicións como fertilizante. Os obreiros chilenos, ao igual que os labregos e artesáns dos cales proviñan, eran obxecto da máis brutal explotación, materializada en condicións de vida infrahumanas, como as xornadas de traballo diarias que ían entre dezaseis e dezaoito horas; a ausencia do descanso dominical; os salarios de fame pagados en vales ou fichas, que só servían nas tendas nas que era forzoso mercar mercadorías a un alto prezo; a alimentación deficiente, o vestuario inaxeitado, etc…
A explotación dos obreiros salitreiros resultaba moito máis despiadada, pois eran explotados simultaneamente polos investidores ingleses, polos norteamericanos e pola oligarquía nativa. Ademais da inclemencia do clima (40ºC de día e 10ºC baixo cero de noite), sufrían as formas máis leoninas da explotación capitalista. Por estas razóns a rexión salitreira era a máis combativa de todo Chile.
Ramón, aínda sabendo da existencia destas duras condicións laborais, trasladouse ao desértico norte. O seu obxectivo era traballar unha tempada e ver como era o negocio do sal; despois intentar poñerse pola súa conta. Así foi como pouco a pouco se foi metendo no mundo do salitre, primeiro abrindo en 1914 unha oficina de explotación e comercialización do sal, para logo chegar a ser dono dunha das máis grandes compañías salitreiras deste país. É curioso sinalar que Ramón Nieto Otero fundou a «Compañía Galiza», poñéndolle como nome aos seus establecementos «Vigo», «A Coruña» e «Pontevedra». A riqueza conseguida coa salitre foi tan enorme que ao pouco tempo con outros paisanos fundou o Banco Español e dúas compañías de seguros, «La Española» e a «Nova España». Logo diversificou as súas empresas adicándose á industria do fío. A proxección empresarial de Nieto levouno a ser nomeado asesor do presidente da República de Chile.
Cando Nieto consegue consolidar a súa riqueza económica pensa que chegou o momento de cumprir coa súa promesa da mocidade. Daquela os nosos emigrantes, influenciados polos ideais do librepensamento e dos racionalistas, pensaban que a mellor forma de solucionar os problemas sociais era coa educación.
A relación coa súa muller comezouse a deteriorar; as ideas utópicas de Ramón eran incompatibles coas ideas máis conservadoras da súa muller. María non entendía a obsesión de Ramón de adicar parte do seu tempo e da súa fortuna á construcción das «Escolas Nieto».
Escola en Barreiro
O 1 de xaneiro de 1900, tendo 44 anos de idade, Ramón Nieto creou a primeira escola, establecida no barrio de Barreiro sendo o seu primeiro director Severino Cobas. Máis de sesenta nenos acubillaba esta primeira escola, que durante dez anos educou a varias xeracións de nenos de Lavadores.
O 16 de maio de 1914 a Corporación Municipal do Concello de Lavadores recoñeceu o labor de Ramón Nieto Otero, acordando por unanimidade nomealo fillo predilecto de Lavadores e ordenando que cando os recursos do concello llo permitan se adquira o seu retrato e que se coloque no Salón da Casa Consistorial.
Foi así que doou 40 millóns de pesetas -que para aqueles anos era unha inmensa fortuna- e nos terreos familiares comezaron as obras para a construcción das Escolas Nieto. A idea de Ramón Nieto non foi só que os nenos aprenderan a ler e escribir; el cría que tamén había que ensinarlles unha profesión e cara unha educación politécnica orientou o proxecto pedagóxico. En 1917 rematouse de construír a escola principal, establecida na zona coñecida polo Seixo, sobre a avenida que na actualidade leva o seu nome.
Coa presencia do fundador da escola e cos membros do Padroado creado para dirixir a escola, realizouse un emotivo acto coa presencia de alumnos, pais, profesores e autoridades locais. Honorato Fernández Míguez, no nome da Corporación Municipal, pediu en 1926 ao Presidente do Consello de Ministros que se lle concedese a Ramón Nieto a Grande Cruz ao propulsor da cultura do lugar de Lavadores.
As Escolas Nieto non só tiñan o obxectivo da ensinanza básica, o obxectivo de Nieto era que os alumnos aprenderan un oficio e as actividades agrarias daqueles anos. O fundador das Escolas Nieto, malia a súa formación católica, tiña unha concepción moderna e progresista do ensino. As súas ideas pedagóxicas eran moi avanzadas para aqueles anos. A tal punto que os regulamentos por el ideados, malia pasaren 75 anos, aínda teñen vixencia. Aos poucos anos de cumprir coa súa promesa e o seu soño, Ramón Nieto faleceu aos 72 anos en Viña del Mar o 25 de xullo de 1928.