Regresa a España o Terzo de Valadares, despois de case corenta e dous anos de gloriosa actividade nos campos de batalla de Europa, e setenta e sete da súa fundación. Xa relatamos a orixe e algúns feitos de armas destacados do Terzo, tan medularmente vigués, na campaña de Portugal. Imposible é seguir con algún detalle a brillantez da súa historia, no curto espazo dunha glosa periodística. Limitarémonos, pois, a consignar algúns feitos sobresaíntes da súa actuación nos Países Baixos.
O 15 de maio de 1668 embarcou o Terzo de Valadares en Vigo, rumbo a Ostende, nos navíos San Ignacio e San Salvador, da Armada Real, e do mercante flamengo San Pedro. Mandábao daquela o mestre de campo don Pedro Aldao, que substituíra ao seu fundador, don Fernando de Valadares. O Terzo estivo de gornición en Ostende e Bruxas até 1674, ano no que pasou a formar parte do exército imperial da Nivelle; toma parte na disputada batalla de Seneff e no sitio de Ourdenarde. Diante da inutilidade do cerco, regresa o Terzo ao seu acantonamento de Bruxas, e pasa entón ao mando do marqués de Bedmar. Mentres se celebra a conferencia de Nimega, as tropas francesas non cesan de hostilizar ás españolas, con resultados adversos para estas.
En 1684, o noso Terzo, ao mando do príncipe de Barbanzón, apréstase a defender a praza de Bruxas, fronte a un poderosísimo exército de corenta mil homes que manda persoalmente Luis XIV de Francia. O 28 de maio os franceses abren unha fenda nos muros e as forzas de Valadares realizan unha sobrehumana defensa, caíndo ferido don Pedro Aldao. Á fin a praza capitulou o 6 de xuño, e o Terzo evacuouna con todas as honras, batendo tambor e conservando armas e bandeiras. En agosto de 1689 forma o Terzo na vangarda da batalla de Valcourt, que tan cara custou ao inimigo, o cal debeu retirarse, tras duro castigo, pese a súa inferioridade numérica.
Porén, ao ano seguinte, na batalla do río Sambre, as forzas contrarias que mandaba o Duque de Luxemburgo, sorprenden ao Terzo de Valadares nunha manobra envolvente, e deciman as súas fillas, acoitelando a un grande número de oficiais e soldados. Aínda puido restaurar as súas forzas e defender con afouteza as prazas de Charleroi e Mons, cuxas capitulacións foron froito da decadencia xeral das armas españolas, mais con ellas os homes da nosa comarca foron de novo honrados polo inimigo, permitíndolles sair con armas e bagaxes. Na caída de Namur, o príncipe de Orange, recoñecendo o lendairo valor do Terzo de Valadares, impón xa a condición de que este ha de ser desarmado.
Catro anos máis tarde, o 4 de agosto de 1696, o Terzo honraríase recuperando a praza de Namur, nunha acción violentísima. Pola súa veteranía e coñecemento dos puntos vulnerables para asaltar a cidade, foi elixido como os máis arriscados da empresa. “este glorioso suceso para as armas españolas, e en particular para o Terzo vigués, foi de consecuencias proveitosas para Europa porque levou consigo a paz de Ryswick; motivada tamén pola canseira natural das nacións, que non podía cometer o orgullo español en conservar como unha parte integrante do seu dominio as provincias de Países Baixos.”(J. De Santiago, op. Cit. p. 409).
En 1702 o vello Terzo é destinado ao exército do Baixo Rhin, en defensa da praza de Kaysserwerr. Na campaña do Palatinado tomou as prazas de Rusemonde e Stevemver. E despois de intervir na campaña do ano 1708 e gornecer outra vez a Namur, regresou á península na data que hoxe reseñamos, ao mando do mestre de campo Príncipe de Ligny. Mais xa entón era unha sombra gloriosa . “Reforzadas as súas filas con xentes novas, o antigo Terzo galego perde o seu carácter rexional, pasando ao sitio de Barcelona en 1714 a incorporanse ao exército do Duque de Berwick.” Ao ano seguinte, unha reforma da infantaría determinou a supresión definitiva dos vellos terzos, que pasaron a converterse en rexementos, e os Mestres de Campo denomináronse dende entón Coroneis.
10 de febreiro de 1710. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).