Seguindo a lista de semanarios satíricos e humorísticos que viron á luz en Vigo, aínda que case todos por moi pouco tempo (pois a ledicia é flor fugaz), aparece agora La Risa, baixo a dirección de don Generoso González Pérez. A súa existencia foi, en efecto, breve, mais axiña sairán outros sustitutos á palestra.
La Trampa, semanario satírico, naceu en agosto de 1906, e era o seu director Eduardo Curty Rodríguez. La Trampa debeu caer nalgunha idem, porque axiña se perdeu de vista. Tamén no mesmo mes e ano saíu en Vigo outro semanario, este serio, Patria Gallega, do que non puidemos obter máis noticias.
El Tóxpiro (verba convencional, que non rexistra o dicionario, a cal no argot popular comarcano conleva alusións báquicas), apareceu en outubro de 1906, baixo o sinal de semanario satírico- político. Dirixíao don Francisco V. Sánchez e “non pasou do fatídico número 13”.
Do mesmo ano son El Anunciador, samanario de publicidade, dirixido por don Miguel Ángel Varela, e Revista Semanal Ilustrada, periódico da literatura e intereses xerais, cuxo director foi don Manuel B. García.
Transcorreran algúns anos até que na nosa cidade se funde un novo periódico de certo empuxe, se ben cómpre recordar que entón contaba Vigo con tres diarios: Faro de Vigo, La Concordia e El Noticiero de Vigo; un bisemanario, El Restaurador, tres semanarios, Solidaridad, El Despertar e Redención Gallega, e, acaso, algunha folla voandeira máis. Nun momento de tal proliferación periodística, aparece un cuarto diario, La Voz de Vigo, que empeza a publicarse en 1908.
La Voz de Vigo, diario da tarde, foi o órgano político, liberal, do deputado pola cidade don Ángel Urzaiz Cuesta. Era o seu director don Hermegildo Calvelo e editábase na imprenta de don Ramón S. Fernández, onde tamén se facía El Restaurador. Coa aparición do novo diario, Vigo, vive a época da súa maior densidade periodística, no aspecto numérico, pois, como dixemos, publicábanse entón catro diarios, un bisemanario e tres semanarios.
O tamaño da caixa de La Voz de Vigo era de 30×48 cm, coas clásicas catro páxinas , dedicadas a anuncios a 4ª e gran parte da 3ª. Ademais dos artigos, máis ou menos doctrinais, tiña unha sección titulada “de Vigo”, bastante nutrida, e outra de telegramas; tamén dedicaba atención ao foot-ball, que así escribían a popular voz importada todos os periódicos daquela. Viviu la Voz de Vigo cerca de ano e medio, até xuño de 1909. Tiña as súas oficinas na Praza de Constitución, número 2.
Don Ángel Urzaiz, home de grande fibra periodística, antigo redactor de Los Debates e El Correo, e comentarista de política estranxeira na Revista de España, non puido ou non quixo levar máis avante o diario que fundara en Vigo, sen dúbida porque entón a política e o mecenado periodístico adoitan ser fracos negocios.
Remataremos esta reseña da prensa viguesa entre 1905 e 1908, rexistrando a saída, neste último ano, doutro semanario independente, El Tea, fundado e dirixido por don Amado Garra Castellanzuelo, e que pasou como pasan as augas do ponteareano río do seu nome: murmuradoras e fugaces.
21 de febreiro de 1905. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008).