A partir desta data ten lugar nas augas da nosa baía un curioso e longo incidente naval, que puido ser grave e que, por fortuna, quedou en augas de bacallau. A guerra franco- prusiana fixo por uns meses esquecer aos vigueses as súas propias inquietudes políticas. Neste día chega á ría a corveta prusiana Augusta, con ánimo de acollerse á neutralidade española. A nave está armada con 10 canóns e servida por 248 tripulantes.
Desembarcan estes e comezan a se facer familiares na xente. Mais, eis que o 14 de xaneiro seguinte arriba tamén a Vigo a fragata francesa Heroine, con 15 canóns e 580 homes, con ánimo decidido de espiar os pasos da nave inimiga e intentar a presa tan axiña como abandonase as nosas augas. Nas rúas e lugares públicos da cidade tropézanse todos os días os homes dunha e doutra nacionalidade, coa conseguinte tensión e non infrecuentes provocacións.
O 23 de xaneiro dispón o Goberno español que saia para Vigo o barco de guerra Fernando el Católico, pero ese mesmo día arriban a porto outras dúas naves francesas: a fragata Valereuse e a goleta Klever. Ante a tensión da situación, o 26 do mesmo mes trasladouse á nosa cidade o Capitán Xeneral de Galicia, o señor Sánchez Bregua, para vixiar de preto as incidencias e estudar o modo de dar termo a aquela tensión, xa que os catro barcos se dedicaban a finxir movementos e saídas, que mantiñan en continua alarma ás autoridades e á poboación, trementes de que calquera imprudencia puidese dar lugar a unha batalla naval na ría.
O Fernando el Católico fondeou nas illas Cíes para exercer mellor o seu control da situación. As simpatías das xentes, como é natural, inclinábanse polo máis débil, isto é, a corveta prusiana.
Pero a cousa non chegou a maiores, xa que o 30 de xaneiro de 1871 se asinaba en Versalles o armisticio entre os países belixerantes. O 1 de febreiro abandonou o Augusta as nosas augas… e aquí non pasou nada.
27 de decembro de 1870. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)