Nace en Coia D. Tomás A. Alonso Martínez. De modesta orixe e sen outra bagaxe que a súa instrucción elemental, emprendeu, sendo case un neno, o amargo e duro camiño da emigración. Residiu durante longos anos na capital da República Oriental do Uruguai onde, con exemplar honradez e perseverancia, logrou reunir unha fortuna. Ao igual que faría despois o seu paisano D. Remigio Ramón Nieto Otero, soubo lembrarse dos desherdados da fortuna, el, que tanto loitara por alcanzala e acertou en pensar que o mellor capital é a instrucción, que a duras penas puidera recibir na nenez. Así, xa que logo, destinou parte dos seus aforros á fundación de tres escolas, en Coia, Castrelos e Bouzas, ademais de instituir diversos legados benéficos.
Vigo honrou a memoria deste benefeitor da cidade rotulando co seu nome a rúa que une o antigo lugar de Peniche con Bouzas, isto é, ao longo do sector que, nun sentido lato, se denomina Coia, onde Tomás A. Alonso tivo nacemento.
19 de novembro de 1835. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)