Apenas repostos os atribulados espíritos vigueses do duelo xeral polo incendio e saqueo da vila a mans dos corsarios ingleses capitaneado por Drake, comeza neste día unha terrible epidemia de peste, cuxo contaxio foi atribuído aos tripulantes de tres embarcacións, que días antes arribaran a porto, procedentes de ultramar. En efecto, a epidemia comezou nas casas de oito pescadores de Coia que estiveron a bordo deses navíos, propagándose desde entón con enorme rapidez. A virulencia do mal era tamén extraordinaria, xa que producía a morte dos atacados en menos de vinte e catro horas.
Os rexedores, auxiliados polo Cabido da Colexiata, trataron de acallar o morbo, illando a todos os enfermos nuns albergues improvisados na praia de Coia, pero o progreso da epidemia foi tan fulminante que aos poucos días se manifestaba en todos os puntos da vila. Ninguén se atrevía a se achegar aos doentes nin soterrar aos mortos; era un espantoso espectáculo de desolación e impotencia, que provocou o éxodo total da veciñanza. Con isto, a enfermidade propagouse a Redondela, Bouzas e Tui, cidade esta na que por maior tempo se deixaron sentir os seus fatais efectos.
O día 21 de outubro non quedaban en Vigo máis que 22 fogares, segundo a expresión dun acta do Cabildo da Colexiata á que nos habemos de referir con máis detenemento oportunamente. Os que non morreron, fuxiran. O rexedor da vila publicou un pregón no que dicía “que o remedio máis verdadeiro era apartarse uns doutros e fuxir da ira de Deus permitida polos nosos pecados”.
No entanto, o comercio por mar quedou interrompido, xa que ningunha nave se atrevía a penetrar na ría; faltaron brazos para a pesca e para toda a actividade industrial ou mercantil, sufrindo a poboación un colapso intensísimo naqueles mesmos días azarosos nos que comezaba a súa reconstrucción despois da desoladora devastación sufrida.
Até transcorrido un ano, non comezou a recobrarse a vida de Vigo, tan maltratada por toda sorte de calamidades. Aos vigueses de entón, aquel fin de século tivo que lle semallar o fin do mundo.
Foi esta a terceira epidemia que sufriu a vila no termo de trinta anos, con matemática periodicidade de dez anos. En 1569, a peste causara máis de dous mil mortos entre “grandes e pequenos”, segundo consta nunha nota anexa a unha acta do Cabildo da Colexiata. En abril de 1579, volveu presentarse a terrible enfermidade, con tal virulencia que quedou a vila despoboada por completo, xa que os veciños sans fuxiron aterrorizados. E, en fin, non menos tráxica foi estoutra aparición en 1598, que durou até ben entrado o ano seguinte.
1 de setembro de 1598. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).