José María Posada y Pereira, infatigable redactor do Faro de Vigo, que algúns enchía el só, a puño e pulso, as catro follas do xornal, publica na seguinte gaceta:
“Pola real orde que inserimos a seguir, verán os nosos lectores a xusta reprobación do Goberno da S.M. ás intempestivas e vexarorias medidas que nalgúns portos se tomaron coas procedencias de Vigo, precavéndose nel, mellor ca en ningún outro a teor da lei vixente de sanidade e aplicándose con todo rigor o trato de patente sucia a canto procede de portos sospeitosos ou interesados. Os prexuízos que ao comercio e á navegación teñen causado as inxustificadas precaucións dalgunhas xuntas de Sanidade sen motivo fundado, son incalculables, como o teñen demostrado as exposicións dirixidas por este concello e xuntas de Sanidade e Comercio ao Goberno supremo. Para evitar vexacións deste xénero, desexariamos que se ditasen por quen corresponda as prevencións e castigos oportunos para que non se volvan repetir feitos de tal natureza”.
O Real decreto de data de 2 novembro di así: “Informada a Raíña (q D. g.) de que nalgunhas vilas e portos da península se someten a observación ou se impoñen outras condicións gravosas ás procedencias de Vigo, serviuse resolver a V.E, que precavéndose nese porto, a teor da lei vixente de Sanidade, de todos os puntos infestados ou sospeitosos e aplicándose nel con todo o rigor o trato de patente sucia a canto provén deles, non hai razón ningunha para causar prexuizo de ningunha clase con medidas precautorias ao comercio e aos navegantes de buques que saen ao mar do porto, tendose no acto que levantar cantas prohibicións e medidas coercitivas se ditasen en sentido contrario a esta resolución. Cde Real Orde, etc.”
Deste xeito cerrouse o paso, polo menos oficialmente, a unha turbia manobra, alimentada por certas rivalidades e intereses creados, pola cal se pretendía presentar a Vigo como comarca “apestada”. Era un “sambenito” que se lle colgara á cidade desde que conseguiu traer o lazareto a San Simón.
10 de novembro de 1857. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)