Segue o gran carnaval, tras os desfiles e serenatas diabólicas de onte. O programa deste día rexistra: ”Á unha na Alameda, para romper a marcha, pola orde do día anterior, cara ao espazoso Campo de Granada, onde estará instalado un magnífico arco de triunfo, co obxecto de correr a sortella, xogo no que participaran todos os Escuadróns.”
“Este festexo será dedicado ao deus Momo, o cal co rei e a raíña, ninfas, deuses, cortesáns, trompetas e claríns, colocaranse nun fermoso terrado construído ao efecto, para presidir a festa e adxudicar os premios aos máis hábiles.”
“Durante este acto, a banda de música executará escollidas pezas.”
“Ao solpor (se é que este o señor amosa a súa faciana) rematará a festa, baixando na mesma orde a gran Comparsa deica deixar apousentados nos seus respectivos pazos aos rexios moradores. Terminado este acto, cadaquén marchará a súa casa, se é que a ten (existía xa en Vigo o problema da vivenda?) ou a ónde lle pete.”
12 de febreiro de 1877. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).