Esas batallas fraguáronse no ano 61 antes de Cristo, cando Julio César atravesaba un momento complicado e a súa prefectura saiu de Roma para afastarse dos múltiples problema que o rodeaban: grandes débedas de cartos, un escándalo de infidelidade ou un rumor da súa participación nun falido golpe de estado contra a República. Este caldo de cultivo fixo que marchara cara a Hispania e pronto buscase unha campaña militar que elevase o seu prestixio militar e lle permitira sufragar unha campaña política en Roma.
César atopou o branco perfecto para os seus intereses nalgúns pobos lusitanos que violaran os tratados de paz. Deles, os únicos que puxeron algo de resistencia foron os herminios. Aquí comeza o debate, xa que para non hai acordo sobre a situación xeográfica das confrontacións bélicas.
Villarino lembra que o historiador e biógrafo romano Suetonio “fala dunha campaña para castigar aos pobos lusitanos, pero non concreta as localizacións”. Pola súa banda, o historiador Dion Casio “entra en mais detalles, detallando un gran río que atravesarían os pobos rebeldes na súa fuxida (posiblemente o Douro ou o Miño) e as illas en que se refuxiarían ao norte da provincia”.
Neste punto, Villarino mantén que César, decidido a castigar aos lusitanos rebeldes que arrasaran as aldeas de tribos aliadas, perseguiu aos herminios “atravesando as chairas portuguesas ata chegar á actual comarca de Vigo”. Segundo esta tese, o pobo perseguido tivo que escapar ata o punto de agocharse nunha illa da zona. O investigador galego recoñece a disparidade de criterios, pero defende que os escritos apuntan máis ás illas viguesas que a calquera outro arquipélago próximo. “A situación que Dion Casio menciona na súa narración coinciden coas Cíes mellor que outros emprazamentos que puideran propoñerse como a illa de Peniche ou as portuguesas illas Berlengas”, afirma.
Julio César tardou en vencer aos herminios. De feito, nun primeiro momento non foi quen de desembarcar e tivo que recorrer ao asedio, cercando as illas e deixando aos lusitanos rebeldes sen alimentos ata que logrou a súa rendición. Estamos falando xa do século 60 AC.
Deste xeito, sostén Villarino, “atinxíndonos aos textos orixinais, a vitoria merecería unha cerimonia de triunfo para César, ao seu retorno a Roma, co cal teríamos que falar dunha campaña con máis de cinco mil inimigos abatidos”.
Para concluír coas diferenzas entre historiadores, o investigador propón unha solución moi directa. “Habería que plantear unha verdadeira análise da zona, que seguro daría éxitos dado que existen indicios de posibles descubrimentos importantes coma unha mina nunha das illas Cíes que nos referencian Óscar Pazos e Gustavo Cabral Hermida, importantes xacementos na ría, baixo do mar ou notables descubrimentos urbanos de tempos romanos en Vigo que presupón no substrato Manuel Santos”, argumenta.
“Todo isto propón unha maior veracidade desta campaña, que non foi social nin politicamente relevante para Galicia, pero que suporía o punto de inflexión na vida de Julio César, e por ende da historia occidental de Europa. Un orgullo histórico do que se tratan de facer debedores historiadores galegos e portugueses, cadanseu cos seus argumentos localistas. Pero parece certificada a campaña, e soamente un descubrimento arqueolóxico moi relevante poderá poñer fin a este longo debate de incertezas”, finaliza.