Anúnciase a próxima chegada dun barco inglés, portando as tres primeiras locomotoras e algúns ‘wagóns’ -entón aínda era estranxeira a palabra e tiña, por iso, dobre pronunciación- destino á liña férrea de Ourense a Vigo. Mentres tanto, procédese nestes días ao desembarco do abondoso material para ese tendido.
A escuadra inglesa disponse a levar áncoras e as rúas perden animación aínda que gañan en silencio. As próximas festas poñen xa unha nota de bulicio nos lugares pechados onde -cousas dos tempos!- se festexa o Nadal con bailes de máscaras…
“Hai oito días -declara un cronista- queixábame de non atopar onde pasar o tempo e agora teño subidos no nariz, como quevedos:
Teatro
Bailes do Recreo
Concerto no Café Suizo
Bailes de Can-can.
E bailes, dise, que na Tertulia e o Casino. Pero non hai que estrañalo, lectores meus; estes bailes están prescritos a prol da hixiene, co obxecto de que humanidade desbote os temores que abriga respecto ao frío e poida prepararse a un sono de quince horas, polo menos, segundo conta un amigo meu que acostuma asistir a tales bromas sen perder unha.
– Vense tantas cousas bonitas, di a candidez dun sano, que non acerto a perdelas de vista”.
“Dígolle a vostedes que é moi cuco este amigo.- Cando pasen estas bromas e comece o arrepentimento e aquel tocar de campás á doutrina e ao precepto, veremos o que o meu amigo opina… Conque se vostedes se animan, entre un baile e outro, poden tamén abrigados e con precaución, achegarse a noite de Nadal á Misa do Galo, que quen tantas veces corre tras o demo, ben pode ir ao templo.”
Menos mal que había un disidente. Xornalista tiña que ser (antóllasenos que un xornalista-poeta, moi querido amigo noso).
Para disimular un pouco as cousas, sen dúbida, os bailes de máscaras da tempada eran sacados a poxa en beneficio da Casa da Caridade. Polo menos así, aqueles infandas algarabías levaban un pouco de pan para os nenos sen familia, eses dos ollos grandes e redondos.
23 de decembro de 1875. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008)