Fortísimo temporal ao longo de toda a costa galega. Un buque alxibe ancorado fronte a Guixar rompe as amarras, indo a esmagarse contra as rochas. En toda a comarca son derrubados polo ímpetu do vento centos de árbores. Pero non queremos que as nosas crónicas retrospectivas conclúan con tan malos ventos. O lector permitiranos un esperanzado colofón:
A Historia de Vigo prosegue ilusionada e vigorosa. Estas notas sobre a Cidade e os seus días non tiveron outro designio que o moi modesto de lembrar aos vigueses as súas glorias pretéritas, as súas alegrías e duelos, que moitas veces ben poderían tomarse como paradigmas para empresas futuras.
O logro do noso intento foi, en todo caso, inferior á intención. Moito quedaría fóra da axenda do autor; é humano e até confía que desculpable. E, pois outro ano comeza, lembrémolo con gozo popular:
“Aninovo, aninovo, – ledicia de Deus para todos!»
31 de decembro de 1897. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)