Dedicaremos hoxe un anaco á política, xa que de todo convén falar. Alá foi un século longo e aquel afanar dun día é xa pequena historia. A crónica dánola feita esta carta confidencial dun destacado vigués de entón ao gobernador civil da provincia nas vésperas electorais:
“O meu apreciado, Gobernador e amigo: O amigo Llorente recoméndame encarecidamente que preste a V. o meu pobre auxilio: ofrecinllo e cumprireino con sinceridade e bo desexo”.
“Na súa consecuencia é o meu deber facerlle as observacións que me parecen oportunas. Polo de agora ocórreseme dicirlle que esta vila, como a máis comercial da provincia e a que máis paga pola contribución do subsidio, ten moitos electores e, rectificándose as listas que dan entrada a todos os que polas cotas lles corresponde por dereito, Vigo decide o triunfo da elección do deputado a Cortes deste partido xudicial cun pequeño apoio que presten os concellos da súa comprensión. Polo mesmo, seméllame conveniente que no nomeamento de alcaldes deles proceda vostede con detención, tendo presente que o partido está subdividido para a cuestión electoral nestas fraccións: Baiona é enteiramente de Bertemati, Lavadores, Gondomar e Nigrán, de Useleti, Cuesta e aínda de Bertemati; Vigo pode dicirse que é de Pacheco ou mellor dito ministerial e Bouzas adheriuse tamén, aínda que con algún traballo.”
“Na elección última foron comprados os votos das vilas rurais con cartos de Bertemati, pero Vigo fixo cuestión de amor propio e de vila e nada influíu aquel metal porque é xente doutros principios. Polo mesmo convén que na rectificación de listas eliminen das vilas rurais a todos os que non paguen a cota de 400 reais, o que se pode ver nos repartimentos e matrículas de subsidio impresas, que teñen que existir nese goberno de provincia porque esa clase de xente non ofrece ningunha confianza, De modo que, eliminados das listas os que non teñen que estar nelas, e dando entrada en Vigo aos que lles corresponde, non terá dificultades no triunfo. Aquí había moitos sen incluir, un deles son eu que a impulso dos amigos o solicitei.”
“O deputado provincial deste partido, Coto y Montes, que con Lafuente representa a fracción Cuesta (por certo a máis débil de todas as nomeadas) pedirallle por algúns nomeamento de alcaldes rurais e aínda lle ofrecerá que se han de ir co goberno, xa que mesmo del nada hai que fiar. A Michelena déralle palabra de cabaleiro de que se a votación de Cuesta non fose o bastante para triunfar, daríalla a última hora para Pacheco e o que fixo el e Lafuente foi pasala a Bertemati polo que non se atreveu a ir a esa capital até que marchou aquel. Non obstante, o que traballaron os dous en todo o partido arrastrou entón 16 a 20 votos.”
“Sirvan a vostede de goberno estas advertencias que con lealtade e bo desexo lle dá o seu afmo. servidor q. b. s. m.” (aínda que a sinatura é ben lexible, digamos que non é ). (Arquivo do autor).
A lista de electores de Vigo, segundo o censo de 1846, unicamente alcanzaba a 25. Eis algúns nomes: O marqués de Valladares, o sr. Barón da Casa -Goda, D. Norberto Velázquez Moreno, D. José Donesteve, D. Manuel Bárcena, D. Francisco Tapias, D. Francisco Tapias Ferrer, D. Francisco Yáñez Rodríguez, D. Francisco Molíns, D. Tomás Ozores, D. Agustín Curbera, D. Juan Miller, D. Manuel Villoch, D. Leonardo Pardo, D. Ramón Lafuente, D. Juan Buch, D. Vicente de Vicente, D. Ulpiano Coca, D. Juan Carsi, D. Paulino Yáñez… Polo que se ve, hai 113 anos algúns dos nosos bos e actuais amigos, anunciábanse xa na homonimia dos seus predecesores. Pois que sexa por moitos séculos…
27 de novembro de 1853. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)