A venerable Orde Terceira acorda encargar a imaxe do Noso Pai Xesús Nazareno, que se venera na parroquia de San Francisco (naquel tempo Santa Marta), e que é actualmente obxecto da popular devoción das “tres grazas”. A acta orixinal di así:
“Dentro do convento de Santa Marta de Vigo a dezaoito días do mes de febreiro de mil setecentos vinte e cinco, estando conformes como o teñen de loable costume o reverendo padre predicador frei Domingo Vidal, visitador desta orde e señor ministro don Juan de Acevedo, segundo xuíz don Ignacio Álvarez, discreto don Bartolomé Antonio de Parga e don Francisco Antonio Areán e máis irmáns que compoñen esta V(enerable) xunta, acordando que, por canto nesta orde V (enerable) non hai efixie de “Hecceomo de Cruz” para a procesión de Domingo de Ramos, como o teñen por costume as primicias destes reinos, de mandar facer dita efixie para a Procesión expresada, de conta desta V (enerable), orde, e habendo convido para este encargo Antonio del Villar, mestre de escultura e veciño da vila de Redondela, axustouse en facer dita efixie con ollos de cristal, dentes de marfil, andas e cruz a costas en catrocentos e cincuenta reais. Sen que neste axuste entre pintura, pelo e túnica; e para que conste todo o tempo mandei este V (enerable) acordo estender o auto que asinaron comigo o infrassto.” (Seguen as asinaturas das persoas citadas).
O primeiro venres de marzo daquel ano xa estaba a imaxe no seu altar, xa que o día 3 de dito mes o escultor Antonio del Villar recibiu o segundo prazo da obra, 225 reais de vellón, segundo libramento que existen nos arquivos das V.O.T de Vigo.
Xa dedicaron hai días unhas liñas a este notable escultor redondelán, autor tamén das imaxes da Virxe, san Xoán e a Madalena para a procesión do Encontro, por encargo da mesma Orde Terceira. Seus son, así mesmo, os retablos maiores da excolexiata e da igrexa de Santa Liberata, de Baiona, e o belísimo da igrexa convento de Santo Domingo de Tui, quizais a súa obra máis importante. Foi realizado este retablo en 1734 e por el percibiu a suma de 17.500 reais, ademais de comida, bebida , cama e cela no convento dominicano durante todo o tempo empregado no traballo. É obra orixinal e vigorosa.
18 de febreiro de 1725. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).