Ábrese ao culto o novo templo parroquial de Santa María (Colexiata), ao cabo de vinte e tres anos da ruina da anterior, ocorrida do modo que relata a seguinte acta: “O domingo 28 de marzo deste ano, día feliz e de eterna memoria nesta praza, aniversario da Reconquista do poder dos franceses, inimigos os máis inhumanos e crueis do mundo todo, milagrosamente emprendida e custosamente lograda polos paisanos do país, que souberon acabar coa canalla, cuxa función solemne se celebra anualmente pola reunión dos seus votos, xunto á vila e xentes das inmediacións, impelidos dos seus sentimentos patrióticos para tributar ao Deus das Vitorias os máis devotos e tenros cultos no seu santo templo, como casualmente se voase o reposto de pólvora do Castelo de San Sebastián, a explosión por ela causada foi bastante para que neste débil edificio fixese contrarias vibracións en acción de derrubarse, e logo reduciuse a cinsas os Ministros do Altar que nas súas aras celebraban a misa solemne; este Concello máis autoridades e a inmensidade dos concorrentes que consternados agardaban o momento da súa desgraciada morte, fuxiron precipitados e asustados sen se creren a salvo até fóra da poboación. Fixo acordo esta comisión que ao día seguinte se formalizase un completo recoñecemento do edificio por mestres intelixentes, que de xeito unánime declararon que se tiña que proceder axiña á súa demolición, xa que non se atopaba en estado de impedir a súa ruina con moitos apontoamentos e escoramentos”.(Arquivo Municipal).
Ocorría este accidente o 28 de marzo de 1813. O Concello solicitou do Rei a autorización para reconstruir o templo a base de certos arbitrios, foille concedida, encargaron os planos ao mestre compostelán don Melchor del Prado y Mariño, grande artista do buril e foi colocada solemnemente a primeira pedra o 26 de xuño de 1816, cando era comandante militar de Vigo o mariscal de campo don Alejandro Oxea; xuíz presidente do Concello, don José Antonio Alonso Caballero; rexedores, don Lorenzo Llorente y Romero, don Buenaventura Marcó de Pont, don Norberto Velázquez Moreno, don Gabriel Méndez de Quirós e don Pedro Abeleira; deputados do común, don Francisco J. Pérez e don Antonio Paz; síndico, don Pedro R. Fernández Barreiro; prior da Colexiata, don José Antonio Laxe, e racioneiros, don Manuel González e don José María Salgado. Actuou na beizón o bispo de Tui, don Juan García Benito.
13 de marzo de 1836. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).