Falece en Vigo D. Norberto Velázquez Moreno, prestixioso comerciante natural de Ortigosa de Cameros, que se afincou en Vigo a comezos do século, intervindo xa de maneira activa no subministro de víveres e vestiario aos patriotas da guerra da Independencia.
Velázquez Moreno foi promotor de importantes obras no terreo mercantil, benéfico e cultural. A el débeselle o primeiro teatro co que contou a cidade, a primeira casa de baños e a construción do lazareto de San Simón, obra que posiblemente non se tería posible levar a cabo de ter que agardar libramentos e subsidios oficiais, nun momento (1839) no que se atopaba a nación envolta nunha guerra civil.
A este benéfico vigués de adopción debe a cidade entusiastas iniciativas e unha fecunda participación en multitude de empresas de beneficio público. Por iso a cidade honrouno dedicándolle unha das súas máis céntricas rúas e erixíndolle un mausoleo na necrópole municipal.
13 de outubro de 1852. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).