O concello, en sesión desta data, toma o acordo de considerar unha proposta formulada por Mr. John Stone para instalar na cidade alumeado a gas e ao efecto noméase unha comisión integrada polos concelleiros, os señores Lema, Yáñez e Curty e o arquitecto D. Juan Ancell para que estuden tan importante asunto e ditaminen en consecuencia.
Porén, o proxecto non se levou adiante por entón. Aínda terían que transcorrer bastantes anos até que o clásico farol de gas fixese a súa aparición nas nosas rúas. A mediados de 1878, percorreu Galicia un novo técnico inglés, estudando a posibilidade de establecer o gas nas principais vilas da rexión. O acordo de Vigo tivo que ser case total, segundo se desprende dunha noticia, que copiamos, inserida no Diario de Lugo, data 15 de decembro:
“Antonte vimos unha carta de Mr. Bolland, representante en Londres da sociedade encargada de establecer o alumeado de gas de varias capitais de Galicia na que pedía que se lle remitisen as bases que acordara o indicado obxecto co concello desta capital (Lugo).
Supoñemos que lle serían facilitadas, agardando, en vista das noticias que puidemos adquirir, que axiña se elevará a escritura pública o contrato celebrado con esta vila, así como coas de Ferrol e Vigo.”
Pero tampouco esta vez tivemos gas, se ben semella que existía xa un contrato en firme, pendente unicamente da sinatura legal. Até 1884 non contaría Vigo con tan importante mellora urbana, que viña disipar en parte a tenebrosidade nocturna na que os vigueses se vían sumidos, cando non os favorecía a hoxe maltratada Selene. Ao fin, houbo acordo coa Sociedad para el alumbrado y calefacción de las ciudades de Coruña y Vigo, con sé en Lyon de Francia. Estipulouse no oportuno contrato subscrito o 28 de xaneiro de 1883, a instalación de trescentos farois, a meirande parte pegados ás fachadas das casas e outros montados sobre columnas de ferro. O alumeado acendíase media hora despois da porta do sol e apagaríase tamén media hora antes da saída do sol, podendo diminuírse o número de focos acendidos a partir das doce da noite. (A medida era oportuna, xa que a maioría dos que andan polas noites gozarían de “iluminación” propia).
18 de decembro de 1862. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)