O Capitán Xeneral de Galicia ordenara a concentración de todas as forzas dispoñibles arredor de Vigo. A cidade de Tui, como a capital da provincia foi unha das primeiras en se dispor para a empresa.
“A corporación deulle parte que xa por sí tiña formado unha compañía dos individuos particulares da vila e provincia, da que o Capitán Xeneral lle deu as grazas pola súa grande actividade e ademais o puxo en noticia da Súa Maxestade: e nomeouse por Capitán desta xente ao Capitular da mesma, o seu rexedor perpetuo D. Alonso Correa de Mendoza y Soutomaior: ademais nas vilas de Porriño, Redondela e Baiona atopábanse as compañías de cabalaría para acudiren ao risco. Sabedores na Corte de que a armada inimiga que estaba a invadir Cádiz se retirara, e que se temía que o seu intento era arroxarse sobre o porto de Vigo, veu en posta desde Madrid a esta vila o xeneral D. Bernardo Renaut para acudir tamén ao perigo, segundo consta nos documentos orixinais do concello de Tui”. (Francisco Ávila y Lacueva, ms. cit.).
A chegada de Renaut tivo que ser por estes días e a súa finalidade principal era determinar se se seguiría ou non procedendo á descarga da flota das Indias.
17 de outubro de 1702. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)