O inverno foi sempre estación favorable para os acontecementos luminosos da cidade, sen dúbida porque é entón cando máis gravemente se acusan as inevitables incomodidades da noite. Todos os proxectos e realizacións de orde luminosa semella que poden irse aprazando mentres as noites son breves e claras, pero, cando, como entón, ás cinco da tarde son xa as rúas outras tantas bocas de lobo, o bíblico fiat lux aguilloa o anhelo do home.
Foi, pois, o 22 de decembro de 1896 o día luminoso no que Vigo coñeceu a ledicia da luz eléctrica, aquela marabilla do século das luces, o século- dígase o que se queira- máis suxestivo e sorprendente da nosa historia. A Sociedad para el alumbrado y calefacción de Coruña y Vigo, a mesma que instalara a súa flamante fábrica de gas en Picacho, instalou a nova factoría, a base de dous motores sistema Otto, de 30 cabalos, que accionaban dous alternadores de corrente continua, de 250 voltios e 120 amperios.
O acto da inauguración revestiu grande solemnidade e foi, ao propio tempo, ocasión para que a alegría popular se desbordase, flotando xa no ambiente os pascuais gozos das vésperas do nadal. A multitude congregárase na Porta do Sol e Praza da Constitución, onde foran colocadas as primeiras lámpadas eléctricas. As xentes cravaban nelas os seus ollos, axexando o instante do milagre. Na fábrica de gas estaban as autoridades, escoitando as explicacións do xefe da instalación, Mr. Marius Cottavoz, do director da fábrica, D. Álvaro del Diestro, e o representante da empresa, D. Francisco Saunier, mentres os operarios- dril e gorra- puñan en funcionamento os motores. Chegado o momento solemne, o alcalde da cidade, o señor Ozores premeu o conmutador e de todos os peitos abrollou un ah! profundo e armonioso, como unha ladaíña de satisfacción. O pobo rompeu en aplausos e vivas e algún rapazolo, alucinado, non apartaba os ollos da marabillosa esfera de cristal.(Aínda tardaría algún tempo en se producir á omninosa “canceira” co tirapedras secuestrado polo garda que os pillou. De momento, a elemental admiración non daba pábulo á idea do crime.)
Houbo, naturalmente, o seu banquete, ofrecido pola empresa da luz. De todos os brindes entusiastas pronunciados na grata velada, hai que destacar este, orixinal do xefe de telégrafos: “Brindo porque eses misteriosos raios que penetran a masa dos corpos, reflectindo os que se atopan máis ocultos, penetren tamén algún día ata a conciencia e o pensamento dos homes, reflectindo os seus propósitos e exteriorizando os seus sentimentos e ideas polo ben da humanidade e da ciencia”. Non pedía nada o señor telegrafista! De seguro que xa coa súa batería eléctrica no peto, penetrando impunemente o pensamento alleo. Demos grazas a Deus porque o xefe de telégrafos de Vigo se tivese equivocado.
“Pouco despois, a empresa solicitou o aproveitamento dun salto de auga no río Lérez e encargou do seu estudo ao enxeñeiro don Ramiro Pascual, realizándose as obras seguidamente para ser rematadas en 1905. A enerxía do salto era de 2.000 cabalos, distribuída nas rúas de Elduayen, Porta do Sol e Policarpo Sanz, que foron as primeiras da cidade que se beneficiaron, con lámpadas de 5-10 vatios buxía, de filamento de carbón”. (Véxase, José Espinosa Rodríguez, “La Luz de gas se inauguró en Vigo el 1884”, no número do Centenario de Faro de Vigo, páx. 23).
Non por iso desapareceu o gas en Vigo, xa que a súa longa e honrosa folla de servizos se prolongou até o ano 1936, respecto á iluminación pública. Até época máis próxima no subministro do fogar. E eis, que o gas volve polos seus foros: hoxe chámase butano.
22 de decembro de 1896. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)