É declarada oficialmente invadida a nosa cidade pola epidemia de cólera morbo asiático, que causou gran mortalidade na comarca até a súa total extinción dous meses despois. Atribúese a causa desta infección á arribada ao noso porto dunha potente escuadra co exército do exemperador do Brasil don Pedro, que viña de Inglaterra (país asolado daquela polo terrible mal) con ánimo de ameazar as costas de Portugal, para facer valer os dereitos de María da Gloria, filla de don Pedro, ao trono lusitano.
Velaquí unha testemuña coetánea, en carta datada o 24 de abril que dende A Coruña escribe o Oficial de Rendas Reais don Ramón Ozores ao ministro de Facenda don Luis López Ballesteros:”…pero que se sobre isto me consultares, aconsellaríache que non viñeses. Así lle respondín, que vivindo dende hai pouco nesta provincia (refírese a Galicia) non coñece ben o seu estado, por mais que el cre o contrario, e así cho digo a ti que hai moito tempo que non a viches; e por de primeiras e na actualidade terás que fortificarte na túa casa para non ser asaltado pola multitude de ladróns que por todas partes cruzan a provincia, e máis particularmente aquel país (Vilagarcía), cada día máis infortunado… Sobre a existencia do cólera nesta provincia, direiche canto sei e é positivo. Non cabe dúbida ningunha de que as enfermidades que apareceron en Vigo e mais Muros, estendéndose a Marín, Pontevedra, Carnota, Lira e outras diferentes partes eran o Cólera asiático.
Un afán decidido houbo en negalo, e as causas deste afán son moi coñecidas, aínda que aquí existiu e existe o medo de explicalas. A escuadra de Sartorius estivo un tempo en libre e absoluta comunicación co porto de Vigo, onde permanecía fondeada; os seus buques, particularmente os vapores, saían e entraban pola noite sen a menor restrición para fornecer de víveres a O Porto, e o mesmo facían unha chea de barquiños das nosas costas, que se entregaron libremente ao transporte de víveres a aquel porto, que sen tales auxilios non podería conservarse. Aparecida en tales circunstancias a doenza, a condescendencia das autoridades quedaba comprometida e a cobiza dos comerciantes burlada, se se lle daba o seu verdadeiro nome, e de aquí a teimosía en negala. Esta e non outra é a verdade, e ténoa das miñas propias observacións e dalgunhas poucas persoas de probada intelixencia e imparcialidade, que reservadamente ma revelaron. É polo tanto certo que a doenza cesou case simultaneamente en todos os puntos, como a mediados do mes pasado, mudaron ao Norte os ventos reinantes do Sur. Se a variación de estacións volve desenvolverse, é o que non podo adiviñar” (Arquivo Libraría Monterrei).
As autoridades sanitarias viguesas emprenderon unha rápida e eficaz campaña contra a epidemia. Distinguiuse neste humanitario labor o benemérito médico don Nicolás Taboada Leal, quen, como froito da súa experiencia, escribiu un interesante folleto, expoñendo os seus puntos de vista sobre a etioloxía, diagnóstico e tratamento do morbo. Foi esta primeira publicación solvente sobre o cólera que se rexistra na literatura médica española, por canto Vigo foi tamén a primeira vila afectada. Taboada Leal concibe entón o proxecto de instalar un lazareto na illa de San Simón, idea que defendeu rexamente, contra a pasividade duns e a irada oposición doutros. O seu actual biógrafo, o señor Leal Insua, dixo, con razón, que o “descubrimento” das condicións inmellorables do porto vigués polas frotas estranxeiras e, en consecuencia, o rápido crecemento da cidade a fins do século pasado, débese en gran parte a aquela visión profética de Taboada Leal, obrigando a todas as embarcacións que debesen tocar o litoral noroeste, a penetrar na nosa ría.
20 de xaneiro de 1833. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).