Vigo ensánchase e trata de alongar a súa man cordial á veciña vila de Bouzas. A xunta consultiva de Camiños, Canles e Portos aproba e despacha para o seu ulterior trámite os proxectos e orzamentos da travesía da Porta do Sol á estrada de Baiona, que será a prolongación da de segunda orde da Coruña a Camposancos. Igualmente, a referida xunta presta aprobación ao ensanche da estrada de Ourense desde a Porta do Sol á estación de ferrocarril.
A primeira destas obras, rompendo a antiga rúa de Sombrereiros, daría lugar á que inicialmente se chamou Travesía, máis tarde Elduayen- en honor do seu iniciador e propulsor- e na actualidade Calvo Sotelo. A segunda, aproveitando a saída extramuros da acabada rúa do Príncipe, daría lugar á ampla avenida de Urzáiz, hoxe José Antonio.
Tamén neste día se rexistra a noticia de que o deputado Elduayen xestiona, con grande actividade, que sexan sacadas a poxa as obras para prover de auga potable o lazareto de San Simón, a obra mimada de Vigo por aqueles tempos.
25 de agosto de 1880. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).