Inaugúranse as obras do peirao de ferro e ramplas adxacentes no porto de Vigo. Previamente reúnese no concello a xunta de obras do porto coa asistencia do enxeñeiro director D. Fernando García Arenal, o secretario D. Manuel Olivié, o alcalde da cidade D. Joaquín Yáñez Rodríguez, o comandante da provincia marítima de Vigo D. Juan de Ponte y Montenegro, o deputado provincial D. Antonio López de Neira e os vogais da xunta D. Hipólito López Fernández, D. Benigno Barreras y Casellas, D. Ildefonso Feijóo del Río, D. Manuel Verde Martínez e D. Eudoro Pardo Labarta, asistindo tamén o enxeñeiro director das obras D. Luis Wirtz y Prego.
A construcción do novo peirao foi adxudicada en poxa á casa Moneo Hijo y Compañía de Salamanca en 880.000 pesetas por Real Orde do 26 marzo pasado. Tras o comezo simbólico das obras, a empresa constructora ofrece un xantar ás autoridades e xornalistas. Á hora dos brindes, o señor García Arenal fai un acendido eloxio dos seus predecesores e colaboradores e termina manifestando que, con esta mesma data, a xunta se dirixe ao ministro de Fomento en súplica de que sexa ampliada até 500.000 pesetas anuais a subvención de 100.000 por considerar que esta cantidade resulta irrisoria para o amplo e imprescindible plan de melloras que hai que realizar.
Aquelas obras do peirao convertéranse en bandeira política durante os últimos anos e por iso Faro de Vigo comentaba ao día seguinte:
“Están inauguradas as obras do peirao de ferro. As da travesía de Vigo volvéronse inaugurar tamén hai dous meses, previo o estancamento da fusión que durou tanto tempo como Sagasta estivo no poder”.
“Este é o bacallau máis saboroso que se lles pode dar aos lectores.”
“O das eleccións dura un só día e deixa a boca amarga; o destas obras é a máquina reguladora do estómago dos centos de obreiros que atopan o alimento cotián non só o deles, senón o das súas familias e por espazo de dous anos…”
Acaso os menos vellos da localidade non saiban que xa era aquilo do “bacallau das eleccións”. Pois era, sáibano, o popular convite co que os “electoreiros” compraban o voto dos cidadáns modestos e sen creto público aos que tanto daba Rei como Roque. O diálogo, elemental e luminoso, desenvolvíase , máis ou menos, así:
– Que fulano, dásme o voto para don Pepe?
– Ben, pero convídame a unha posta de bacallau.
– Home, iso xa se sabe!
Ás veces, o espelido elector daba media volta e ía cazar outra “posta” cos do bando contario. Aínda que a estes inconsecuentes eran coñecidos e, normalmente, eran conducidos en forma directa da tasca á urna.
Ben, volvamos ao peirao de ferro para rexistrar que este foi entregado oficialmente o 21 de xuño de 1893.
20 de decembro de 1890. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)