O Concello de Vigo está testando estes días un novo vehículo no servizo de limpeza. Trátase dunha plataforma intelixente, ecolóxica, que funciona con enerxía eléctrica, con ruído e emisións cero que supón “unha nova forma de entender a recollida de residuos sólidos” na cidade, tal e como explicou o rexedor.
O novo vehículo está percorrendo a cidade de forma experimental dentro dun proxecto piloto no que participan Vigo, Barcelona e Bilbao, as tres cidades seleccionadas logo de que fose premiado no Smart City Expo World Congress 2019 de Barcelona como idea innovadora pola súa plataforma industrial de e-mobilidade versátil e de alta eficiencia enerxética.
A incorporación ao servizo de limpeza da mobilidade eléctrica permite acadar beneficios medioambientais como a redución de emisións contaminantes e de ruído e maximizar a eficiencia enerxética. Para o Concello trátase do “vehículo de servizo urbano do futuro para a recollida de residuos sólidos”.