Traemos hoxe a este recuncho da historia local unha curiosa noticia, reveladora dos sistemas profilácticos cos que a ciencia trataba de se opor aos terribles estragos da peste en épocas pasadas.
O gobernador militar da praza de Vigo, D. José de Oreiro, recibe con esta data unha Instrucción do Capitán Xeneral de Galicia, conde de Itre, para previr do contaxio pestífero á poboación. O señor Oreiro, á súa vez, deu traslado dela aos xustizas, sarxentos maiores e caudillos de milicias da súa xurisdición. Temíase que a peste, declarada con inusitada virulencia en Alxer e outros portos do norte de África, puidese ser traída ás nosas costas por embarcacións de cabotaxe procedentes do Mediterráneo. Para iso, sinalábase como únicos portos autorizados para o rexistro dos buques de tal procedencia, os da Coruña, Ferrol, Ribadeo, Pontevedra e Vigo, advertíndose na citada Instrución que o recoñecemento dos papeis de a bordo tería que se efectuar “a barlovento, asperxidos os seus despachos con vinagre e fume aromático”.
Tras estas iniciais precaucións, prohibíase aos pescadores e veciños dos portos todo contacto coas embarcacións que navegasen ao longo da costa ou penetrasen na interior das rías baixo pena de confiscación dos seus bens, a cal seríalles aplicada pola simple sospeita de contacto directo con mercadorías ou viaxeiros sospeitosos de procedencia “sucia”. E se acaso tales barcos precisasen aprovisionarse de auga ou comida, terían que facilitarlla en lugares afastados con gardas á vista, tendo que baixar os tripulantes das naves forasteiras a recollelos e deixar o diñeiro, importe de compra, nun recipiente con vinagre e “facéndoo ferver nel”. Unha vez ben fervido o vinagre, podería retirarse o diñeiro, gardando sempre as máximas precaucións no sentido de que fose este o único obxecto de contacto mutuo.
Fronte ás vellas teorías dos aires pútridos, miasmas flotantes, etc., nestas disposicións do Capitán Xeneral advírtese un concepto máis acertado do contaxio, como consecuencia de contactos persoais. A dolorosa e repetida experiencia demostraba, en todo caso, que a poboación galega, pola súa condición de marítima, era presa fácil de tales invasións epidémicas. Por fortuna, nesta ocasión as precaucións foron innecesarias, xa que a peste non se presentou nos nosos portos e o consumo de vinagre non excedeu os límites do normal.