«A opinión pública está moi interesada polo proxecto municipal de construír un teatro-casino para cuxa realización se opón a falta de solares axeitados. (A cidade vivía aínda apegada á calor do seu vello núcleo urbano e aquelas hortas e prados que hoxe son Policarpo Sanz ou García Barbón, semellábanlles aos vigueses pura e desolada aldea).
«Proxectouse un teatro-casino e non hai onde construílo -dicía Faro de Vigo-; o mesmo sucede coa praza de abastos e coas fontes públicas, xa que para todas estas indispensables e perentorias melloras cómpre chocar co interese particular, esixente e difícil de contentar. Na cuestión do alumeado de gas, acontece igual e o que aínda é peor, a construción de casas-escolas ofrece idénticas dificultades, pois, o municipio non posúe locais onde poder emprendelas coas condicións máis necesarias e indispensables… Só cedendo cada un algo das súas prevencións e tensión de miras, só cooperando o interese particular ao interese xeral, podía Vigo adiantar no camiño das súas melloras; até ese días que así se comprendan as cousas, teremos a fatal desgraza de marchar lentamente con esas tendencias de querer vivir á moderna e pagar todos á antiga.»
Bo é aclarar que a vella enfermidade non desapareceu do todo. E así foi como entón Vigo quedou sen o seu proxectado teatro-casino que, andados os anos, sería realizado por un particular. De momento, todo foi reducido a unha recia polémica entre La Concordia e Faro de Vigo, a respecto de cal dos dous demostraba máis entusiasmo pola idea».
16 de maio de 1875. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Xerais, 2008).