A Xunta da V.O.T, reúne neste día e acorda que, pese a estar a cidade ocupada polos franceses, non se suspenderían os santos exercicios que anualmente se celebran, os cales, “seguirán ao toque de oración nos mesmos termos e días acostumados, rezando a coroa, lectura, oración mental, estación e Miserete”.
Acordan tamén levar a cabo a petición de esmola para a comida dos pobres de Xoves Santo, e realizar procesións habituais dentro da igrexa e no adro, “á fin de que deste xeito permanezamos constantes na fe a pesar da opresión na que nos achamos, dando as esmolas acostumadas ao efecto”. Asinan o acordo Diego Núñez de Murcia, Manuel Pereira, Francisco Julián Pérez, José Marzoa, Juan María Cairo, Francisco Taboada, Gaspar Martínez, Eladio Hortega, Juan Ventura Pérez e José Villuendas, este secretario. En ausencia do Visitador actuaba o vigairo, frei Tomás Pazos.
19 de febreiro de 1809. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).