A antiga vila de Vigo, convertida xa en Cidade Fiel, Leal e Valente, obtén con esta data unha nova honra ao concederse, por Real Decreto, o tratamento de Excelencia ao seu concello.
A distinción foi obra persoal de D. José Elduayen, fillo adoptivo de Vigo, deputado a Cortes polo distrito e, desde poucos días antes, ministro de Ultramar co novo gabinete presidido por Cánovas del Castillo. Apenas alcanzado un alto posto, o noso deputado aprestouse para poñer aos pés da S.M. un florido memorial, destacando os moitos merecementos contraídos polo pobo vigués ao longo da súa historia, dignos do alto tratamento solicitado.
Era entón alcalde da cidade, D. Manuel Bárcena y Franco, futuro primeiro conde de Torre-Cedeira. Elduayen era xa marqués do Pazo da Mercé. Pouco antes entrevistáranse ambos os dous en Vigo.Eis aquí unha versión xornalista da conversación, que cremos que foi a orixe da efeméride que nos ocupa:
“Nunha longa entrevista que o alcalde-presidente do concello desta cidade, o señor Bárcena, celebrou co señor marqués do Pazo da Mercé, reinou unha perfecta cordialidade e unificación de miras cara ao porvir de Vigo, expresándose os dous no sentido máis prometedor cara a esta vila que, como dicía o señor Elduayen, necesita marchar ao compás do progreso, xa que se achega para Vigo unha nova vida que a vai colocar ao fronte das vilas deste litoral, á maneira que Santander no Cantábrico”.
“A nosa primeira autoridade local amosou os desexos de secundar con todas as súas forzas esta resurrección latente que se bota a ver na vila de Vigo e o señor Elduayen sostivo que se podía contar co seu asentimento a apoio para todo o que se fixese a prol da prosperidade local, esquecéndose nestes desexos de toda mira política e persoal, xa que o porvir de toda unha vila vale moito máis que as pequenas diferenzas dos homes”. (Cfr. Galicia y Elduayen, páxinas 170-171)
Non estaba de máis, mentres a poboación crecía, engadir novos títulos honoríficos ao seu esplendor material. Isto pensarían don José e don Manuel, mentres non tardaría a cidade en recibir o seu novo timbre de Sempre Benéfica. Ao fin e ao cabo, os honores que as cidades obteñen non semellan tan vacuos e perecedoiros como simplemente humanos.
Xa o sabe, pois, o noso Excelentísimo concello, que hoxe está de aniversario. Oitenta cabais. Dámoslle os parabéns na súa puxante ancianidade.
16 de decembro de 1879. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)