Os nosos templos, ao ritmo crecente da cidade, adórnanse con obras dos mellores imaxineiros galegos, aínda que por desgraza, os múltiples asaltos, incendios e depredacións que sufriron, a mans de tropas invasoras, apenas deixaron o recordo de tales riquezas artísticas.
Á parte da escola compostelá, de tan prestixiosa tradición, existen na proximidade da vila de Redondela un núcleo vigoroso de escultores e tallistas, que traballaron decote para os templos vigueses.
Nesta data o Concello da entón vila de Vigo pagou ao entallador santiagués Pedro Fernández 125 ducados pola custodia de madeira que fixo para a Colexiata, segundo deseño de Duarte de Cedeira, mestre prateiro, que tivera durante varios anos o seu obradoiro en Vigo.
En 1627, Bernardo Cabreira, en colaboración con Gregorio Español, fixo un retablo para a capela que na igrexa conventual de San Francisco tiña Jerónimo de Sarabia, por cuxa obra cobraron os citados artífices 1.750 reais de vélaro.
Do primeiro escultor redondelán que se sabe traballou na nosa cidade, Domingo Martínez, era un retablo da Colexiata , polo que percibiu en 1684 douscentos reais. En 1669 realizou outro para a Confradía de San Antón, coa imaxe do patrón, en 800 reais.
De Redondela era tamén Andrés Gago Figueroa, quen, en unión do seu coterráneo Matheo Martínez, contratou en 1756 a obra da custodia e tornavoces dos púlpitos en 2.000 reais.
Porén o máis afamado escultor daquela vila foi, sen dúbida, Antonio del Villar, autor da fermosa imaxe do Nazareno, que se venera na igrexa de San Francisco e é obxecto da afervoada devoción popular viguesa das “tres grazas”. Foi realizada esta escultura no ano 1725 e cobrou por ella 450 reais. Fixo ademais outras tres, “para completar o número das que debían intervir na escena do Encontro do Venres Santo, que celebra a O.T. de San Francisco de Vigo, as cales eran a Virxe, San Xoán e a Madalena, traballadas en 1729. A imaxe do “Ecce Homo”, na parte que ten de talla, cabeza, colo e peito, é fermosa, moi ben executada e moi sentida. Mágoa que toda ella non fose talla!”. (J. Couselo Bouzas, Galicia Artística en el soglo XVIII y primer tercio del XIX).
Vigo puido fachendear un día de posuír algunhas pezas mestras da arte escultórica relixiosa, que hoxe darían prestixio ás salas do seu Museo. Á parte do fermoso tímpano da primitiva Colexiata, que orna actualmente a instalación arqueolóxica do Museo de Pontevedra, Vigo ten un posto de honra na sala románica do Museo Arqueolóxico Nacional, representado pola extraordinaria imaxe marmórea do Salvador, pertencente á desaparecida igrexa de Santiago de Vigo, sita entón no Areal, e que máis tarde figurou nun nicho do lenzo frontal do tamén desaparecido Hospital Militar.”A escultura é de mármore, moi dourada, e está labrada en dúas pezas dun fuste de sección elíptica; o seu tamaño, maior que o natural, o cal abonda para desfacer a hipótese de que fose compañeira da de San Paio (de Santiago)…dentro da fidelidade a un mesmo estilo…””A fermosa efixie emparenta co Santiago das Praterías: apenas queda por baixo en mestría e primor, superando al Santo André do conxunto…É evidente a súa procedencia, mesmo en data, sobre as columnas de San Paio e non precisa encomiar a súa esveltez, a nobleza dos riscos e a brandura do modelado.”(F.J. Sánchez Cantón, “El Salvador de Santiago de Vigo, en El Museo de Pontevedra, I, 72-75).
Trátase, pois, posiblemente, dunha obra do Mestre de Praterías, de finais do século XI, cuxo canon, de alongadísimas proporcións, fixo escola. Sería de desexar, xa que outra cousa non é posible, se obtivese para o noso Museo Municipal, unha reproducción, desta singular imaxe.
9 de febreiro de 1593. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).