A estrada de Castela é, por aquel entón, a grande preocupación dos economistas e políticos. Vigo, e Galicia enteira, queren sanear o rego do seu comercio e industria con rápidas arterias de circulación. Dun Editorial do Faro de Vigo transcribimos os seguintes parágrafos, cuxas sombrías tintas dan pavor:
“Recoñecida a cidade de Vigo como o punto máis a propósito para servir de grande depósito a todos os productos do noso chan e dos dunha grande parte de Castela, forzoso é que Vigo, atendido o melloramento de tantas vilas, reciba as infinitas melloras das que é susceptible e que tanto reclama o interese xeral.
A pronta conclusión da estrada de Castela é o primeiro e o principal obxecto para o comercio do seu engrandecemento. Pídeno as máis fértiles comarcas de Galicia, pídeno os abondosos xéneros de Castela; pídeo a multitude de brazos vigorosos que se enervan co insoportable peso da miseria e a terrible humillación da mendicidade.
No momento que Vigo poida abrir os seus grandes almacéns aos pavillóns de tantas nacións que visitan o seu porto, desaparecerá a mendicidade de moitas vilas do interior. No momento no que a moitos empresarios lles sexa concedido erguer establecementos fabrís nos desertos espazos da nova cidade, poderemos ofrecer a diario sustento e crecidas ganancias ao enseño e laboriosidade que hoxe devoran a súa desesperación e a súas bágoas no seo da miseria…”.
17 de xullo de 1854. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).