A vila experimenta os horrores da nova invasión na súa accidentada historia. Os ingleses, que mandaban na poboación, atacan o reduto do Castro.
“O día 13 -infórmanos o diario exhumado por Bouza Rey– puxeron os inimigos unha grande batería de morteiros detrás do forte de San Sebastián á parte que mira cara a Vigo que, segundo despóis se recoñeceu, chegaban de 32 a 34 morteiros de todos os calibres, de 18 a 20 libras de arroba, de dúas arrobas, até de tres arrobas; e así que se fixo noite comezou o disparo de bombas que durou até máis da unha da noite e contáronse dúas cargas de todos os morteiros, de cuxo fogo, só houbo seis feridos, 4 de gravidade e 2 leves.
O día 14 así que amenceu proseguiu o fogo de todos os morteiros que durou até despois da unha do día e tiraron con tal acerto que todas as bombas entraban dentro do castelo, no que houbo oito feridos graves e ningún morto: e até a noite non cesou o fogo. Así que anoiteceu, continuaron o fogo con maior furia até despois da media noite, na que houbo bastantes desgrazas. Neste día mudaron os inimigos o seu campo de Santa Eulalia de Alcabre á freguesía de Coia onde se mantiveron até a rendición do castelo.
É de advertir que no castelo non hai cuarteis para a defensa das bombas, nin máis cuberto que unha capela da Nosa Señora, casas do ermitán e onde se recollía o home do castelo e dous cuarteis vellos, almacén de pólvora a proba de bomba, unha cisterna e unhas minas onde estaba recollida a pólvora e onde recollían os feridos e así os soldados como oficiais non tiñan máis cuberto que tendas de campaña”.
14 de outubro de 1719. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).