A biografía dos pobos adoita deixar en sombras o detalle, pois, por unha sorte de enganoso espellismo, os encargados de facela dan en imaxinala a xeito dun fresco mural, onde o mínimo estorba. Mais sen a pequena historia, sería incomprensible esoutra que se escribe con maiúscula. Estas notas cumpren, precisamente, esa esquecida misión de recoller, ata onde nos sexa posible, o breve latexo dun día, a fugaz anécdota, cargada acaso de entrañable valor humano, o dato de aparencia intrascendente, mais portador de contidos reveladores. Vexamos, pois, cómo se vencellaba Vigo ás terras da súa contorna neste principio de ano, cando naceron os que hoxe contan sesenta e cinco.
Á parte dos servizos regulares de vapores que surcaban a ría e o xa raudo ferrocarril, que tanto fixera tremer as prensas en prosa e verso. Vigo dispoñía dunha nutrida rede de comunicacións por estrada, mediante vehículos de tracción animal. Da Guía General de la Provincia de Pontevedra, escrita por Un Curioso, tomamos a lista dos coches que a principios deste ano entraban e saían a diario, con ruidoso e alegre xogo de campaíñas, da nosa cidade.
Coches en servizo
- O Invencible nº3, de Ponteareas a Vigo.
- Servizo de Vigo a Mondariz, co percorrido que o seu nome indica.
- O Invencible n.º1, nº5 e nº10; O Recreo nº1 e O País nº12, de Vigo a Porriño, Mondariz, Tui e Salvaterra.
- A Flor nº2 de Vigo a Ponteareas e Salvaterra.
- Ferrocarrilana mixta nº7 e Voador de Vigo da Porta do Sol á estación do camiño de ferro.
- O Veloz de Vigo nº4, a Baiona e Tui.
(Con que pracer o cronista tomaría unha mañá soleada o seu asento de berlina na Flor nº2, en compañía de Álvaro Cunqueiro, e ambos os dous irían mercar cadanseu caxatos de amieiro á feira de Ponteareas!).
Tiña entón Vigo 15.044 habitantes, dos cales 2.538 eran electores. (A verdade é que nin o alto poeta Cunqueiro nin quen isto escribe estaban asemade inscritos no censo dos nacidos: A Flor nº2 debeu reducisrse a chatarra moito antes de que ambos os dous subisená estribeira da vida).
4 de xaneiro de 1894. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)