Xosé Manuel García Barbón naceu en Verín na provincia de Ourense o 30 de marzo de 1831. Foron os seus pais Victorio García Barbón e Manuela Solla. Xosé Manuel adopta os dous apelidos por parte paterna. Os pais de García Barbón deciden a temperá idade envialo a Cuba, onde residía o seu tío Luciano, quen gozaba dunha grande fortuna. En 1844 chega un barco veleiro ao porto da Habana. Cuba por aqueles anos era unha das últimas colonias españolas xunto a Porto Rico e Filipinas. Case que pouco quedara da inmensa colonia, tan só algunhas illas esparexidas polo mundo e os intentos constantes dos ingleses e norteamericanos para quedar co botín.
Xosé Manuel instálase na luxosa casa que o seu tío tiña na Habana, na rúa da Amargura, para logo mudarse a outra vivenda máis espaciosa na rúa Teniente Rei 34. O seu tío quérelle dar a mellor formación para que algún día poida herdar as empresas deste. Entre os distintos cargos que tivo Luciano García Barbón foi a de conselleiro do Banco Español na Habana, incluso algúns historiadores sinalan que foi propietario dalgún banco.
Co transcorrer dos anos o seu tío vaino introducindo nos seus negocios, e pouco a pouco Xosé Manuel vaino suplantando no labor mercantil. Xa desde novo Xosé Manuel amosaba ser esperto e intelixente. Herdara o sentido comercial do seu tío.
O destacado xornalista e fundador do Centro Galego da Habana W. Álvarez Ínsua dixo nun artigo publicado en «El Eco de Galicia»: «O señor Barbón é por todos coñecido e entre o non pequeno número de galegos aquí residentes non se contará seguramente dúas ducias que non estean perfectamente convencidos das singulares virtudes que a tan bondadoso señor adornan. O señor Barbón que veu a este país en idade moi temperá tivo ocasión de facer fortuna, gañada traballando do xeito máis honroso e digno e hoxe, seguindo un vello costume empregado en facer ben e en redimir necesidades e miserias…».
García Barbón, dende a súa mocidade, intentou organizar aos galegos en Cuba, tal foi así que participou da primeira comisión directiva da Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galiza, que se realizou no Casino Español o 21 de xaneiro de 1872, sendo elixido tesoureiro. A primeira comisión directiva quedou constituída por Ambrosio Tomati, presidente; Juan Más, director; José García Barbón, tesoureiro; Joaquín Canal, secretario; e doce conselleiros titulares e doce suplentes. Na mencionada asemblea fundacional foi o seu amigo Policarpo Sanz quen o propuso para ese cargo. Como ben destaca o historiador Xerardo Dasairas Valsa no seu libro «José García Barbón e o Colexio de Verín no centenario da súa fundación»: «A traxectoria vital destes dous persoeiros é dun paralelismo abraiante no que se refire á herdanza da fortuna, na súa adicación aos negocios bancarios no seu filantropismo e mesmo na carencia de descendencia directa en ambos os casos».
O seu amigo José Policarpo Sanz Soto era un dos homes máis ricos de Cuba, herdara unha fortuna do seu xefe o señor Baró. Posteriormente co casamento coa súa muller Irene, que pertencía a unha familia millonaria establecida en Nova Iork, viu incrementada a súa fabulosa fortuna. Policarpo Sanz Soto doaría despois o primeiro colexio de ensino secundario que houbo en Vigo, o Instituto Santa Irene, que leva o nome da súa muller.
Ambos os empresarios galegos xogaron un papel moi importante tanto na economía cubana como axudando a consolidar as primerias organizacións mutualistas galegas.
García Barbón, quen era un home de talante amplio e liberal, se incorpora á Masonería na Orde da Grande Oriente Nacional de España, Unión e Concordia nº 21 co nome «simbólico» de Alberto Valín o 5 de decembro de 1866, obtendo o 5º grao o 31 de decembro de 1885. É importante destacar que a masonería gozaba por aqueles anos dun grande prestixio, tendo entre os seus adeptos a figuras galegas da proxección de Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, o impresor Francisco Armada, Lugrís Freire, Juan García Casariego, o independentista Fuco Gómez, José Fontela Leal (fundador da Academia Galega), etc…
Segundo nos conta Desairas, García Barbón tendo unha saúde bastante afectada resolveu retornar a Galiza: «No mes de xaneiro de 1884, e moi fraco na súa saúde, decide retornar a Verín. Esta decisión, acompañada da liquidación dos seus negocios…» . Na acta da Sociedade de Beneficiencia de Naturais de Galiza do 20 de xaneiro de 1884 exponse sobre o seu retorno: «…e esgotada a materia que corresponde tratar neste escrito, cumpre un penoso deber, o que informou participando aos señores socios que o Tesoureiro único que custodiou os fondos da Sociedade desde a súa creación ata que máis dunha vez facilitou recursos propios para que non ficaran desatendidas as necesidades dos pobres, viuse forzado a irse deste país por motivo de saúde e a deixar polo tanto o posto que tan excelente servizo lle veu prestando á Sociedade nos doce anos da súa existencia. Algo reposto felizmente dos seus males o señor don Xosé García Barbón precisou, sen embargo, trasladarse a outros climas nos que asegurar a súa completa curación…».
A sociedade mencionada contou en distintas oportunidades con diferentes doazóns económicas de García Barbón. A última de especial importancia foi en febreiro de 1895 cando voltou a Cuba por unha tempada doando 500 pesos de ouro. Os directivos desta sociedade nomeárono Socio Benefector da mesma.
Socio e impulsor da fundación do Centro Galego da Habana
W. Álvarez Ínsua sinalaba no seu artigo antes mencionado: «O ex-tesoureiro da benéfica galega, aquel intelixente banqueiro que soubo dirixir tan admirablemente o banco do seu nome libertándoo de desastres en que pouco ou moito caeron todos os creados en Cuba, que inimigo irreconciliable da exhibición buscou a oscuridade para exercer a caridade dando así exemplo aos que coñecen do evanxelio a máis lixeira máxima, atópase agora en Verín, o seu pobo natal, dando vida a unha institución das máis útiles e filantrópicas deste século. O señor Barbón vai crear con capital seu un banco agrícola para facilitar pequenas sumas aos labregos sen xuros de ningunha clase…».
Antes do seu retorno a Verín comezou o seu labor benéfico enviando 7.550 pesetas para a recuperación da igrexa parroquial. Ao chegar costeou os salarios dun mestre da escola pública da vila. En 1885 contribuíu con 5.500 pesetas para rematar as obras da torre do Santuario dos Remedios. En 1886 financiou a plantación de árbores na Alameda e na Avenida de Sousas. Tamén achegou 4.000 pesetas en 1892 para o estudio do trazado do ferrocarril de Verín a Ourense.
En 1895 fundou en Verín o Colexio San José, quedando a dirección da escola en mans da Orde de San Xoán Bautista de La Salle.
Entre as empresas que creou ao seu retorno podemos mencionar as seguintes: en 1904 inaugurou as instalacións do Hotel e Balneario Cabreiroá, as súas augas tiñan e teñen fama en toda Galiza; fundou a empresa de electricidade Electra de Verín S.A.; en 1907 creou con outros socios unha empresa de transportes chamada Automóviles Ómnibus de Verín S.A.
García Barbón despois dunha larga tempada no seu Verín natal comezou a recuperarse da súa saúde. O clima e a alimentación de Galiza fixeron que o seu corpo tivese unha rápida melloría e o seu mellor ánimo aléntao a realizar unha máis plena actividade económica. Este sería case que con seguridade o motivo polo cal García Barbón trasladou a Vigo a súa residencia. Verín quedáballe pequeno para un visionario das características de Barbón. Foi así que se instalou en Vigo mercando o terreo e casa de Vista Alegre. Alí instalouse en 1894, vivindo coa súa irmán Carlota e con catro fillos desta.
García Barbón continuou en Vigo o seu labor benéfico doando en 1900 ao Concello de Vigo o edificio da escola de Artes e Oficios; a súa obra custou 750.000 pesetas. En 1901, na planta baixa, fundou a Biblioteca con cinco mil volumes. Entre outras obras benéficas doou o terreo de San Lourenzo para a construcción do Asilo do Niño Jesús de Praga. Colaborou coa construcción das Escolas Salesianas do Arenal. Axudou a rematar o local da Sociedade de Agricultores de Teis, a Cociña Económica, a Casa da Caridade, o Hospital. Construiu edificios na rúa Policarpo Sanz, un barrio en San Lourenzo e mercou o edificio do Teatro Rosalía de Castro con fins culturais.
Segundo nos informa Dasairas no seu libro, García Barbón foi a persoa que máis propiedades tiña en Vigo, calculando en 100.000 metros cadrados no ámbito céntrico.
O 7 de marzo de 1909 faleceu sorpresivamente na súa casa de Vista Alegre. Preto de vinte mil persoas despedírono ao día seguinte polas rúas de Vigo. Os vigueses queríanlle dar o último adeus a un dos homes que máis fixo por esta cidade de adopción. En 1927 a cidade de Vigo honrou a súa memoria inaugurando un monumento realizado polo célebre escultor Asorei. O goberno español realizou a entrega póstuma da Orde de Alfonso XII polos servicios prestados á cultura, a primeira Grande Cruz foi para García Barbón. Vigo lembrouno coa rúa que leva o seu nome, estando con outros como Policarpo Sanz e Ramón Nieto, como lembranza aos nosos emigrantes e á súa grande vocación benéfica.