Este sábado celebrarase o Pleno de constitución da nova Corporación municipal de Vigo e elección do alcalde, sesión que se celebrará no auditorio do Concello ás 11 horas.
Como marca a lei, formarase en primeiro lugar a mesa de idade que dirixirá o Pleno, integrada polos concelleiros electos de maior e menor idade -neste caso Abel Caballero e Ana Laura Iglesias, respectivamente-, asumindo a presidencia da mesa o membro de máis idade. A mesa comprobará as credenciais presentadas coa certificación remitida ao Concello pola Xunta Electoral de zona.
A sesión continuará co xuramento ou promesa ao seu cargo mediante a fórmula legalmente prevista de acatamento á Constitución. Constituída a Corporación, formada por 27 membros -17 do PSOE, 7 do PP e 3 de Marea-, determinarase o sistema de votación para a elección do alcalde. Proclamaranse os candidatos á Alcaldía e os voceiros dos distintos partidos políticos poderán dispoñer, se así o desexan, dun turno de palabra para expoñer o seu programa de goberno.
A continuación procederase á elección do alcalde da cidade polos concelleiros e concelleiras, quen posteriormente prometerá ou xurará o seu cargo, entregándolle despois ao presidente da mesa o bastón de mando.
A Marea presentará como candidato a Rubén Pérez
Pola súa banda, a Marea de Vigo, que acadou tres concelleiros, informou este venres de que viña de aprobar na súa asemblea aberta da semana pasada por ampla maioría a presentación do candidato Rubén Pérez á alcaldía na sesión de investidura como «xeito de expresar a defensa dun modelo alternativo de cidade, que veña a enmendar os últimos gobernos municipais da cidade e que sexa construído sobre un modelo económico ao servizo da maioría social, con igualdade de oportunidades e acceso á contratación pública, cun urbanismo non especulativo e que loita contra a pobreza e a desigualdade».