Así se expresaba este sábado o dirixente popular na clausura da presentación da candidatura do PP de Vigo para as eleccións municipais, encabezada por Elena Muñoz. Alí, Feijóo insistía en que hai «moitos cidadáns, especialmente no ámbito rural, que reclaman a todos os representantes políticos que se dediquen unicamente a solucionar os seus problemas». O dirixente popular sinalou que «desde o rural o que se busca sempre é o achegamento ao centro, aos servizos públicos, etc., e quen loita polo achegamento non pode aceptar a división».
Con respecto a isto, Feijóo apuntou que «só o PP pode garantir ese cambio, real e necesario, e constitúe a única esperanza de unidade nesa cidade, a única posibilidade de apartar a crispación do Concello e a única garantía de progreso para Vigo porque todos os grandes proxectos que fixeron avanzar á cidade nos últimos anos foron grazas ao Partido Popular».
Por outra banda, o líder do PPdeG indicou que «Vigo non vive de rotondas ou beirarrúas, senón que crece se o fai tamén a automoción, o naval, as súas conexións e os seus servizos públicos. Por iso, a Xunta acompañou a PSA ata París, para garantir que os novos modelos se fabricasen en Balaídos; por iso traballa a prol dos estaleiros da ría; por iso rematou o Eixo Atlántico e avanza na Estación de Urzáiz e na ampliación de Rande; e por iso, ademais do novo Hospital público de Vigo, o maior que se estivo a construír estes anos en España, tamén fixo realidade a nova depuradora».
Segundo Feijóo, todo iso «foi posible grazas ao consenso e advertiu que, cando non o hai, Vigo non crece». Así, puxo como exemplo que o goberno local se negue a «aceptar o transporte metropolitano co que Vigo contaría cun transporte público máis barato, provocando que os cidadáns vigueses non poidan disfrutar das súas vantaxes».
Por todo iso, o presidente do PPdeG mantivo que a única posibilidade capaz de articular un si rotundo a Vigo é a que encabeza Elena Muñoz.
Campaña «en positivo»
Segundo Feijóo, a campaña en positivo é a que lles vai a dar aos populares o apoio dos cidadáns en Vigo e no resto de Galicia. Neste senso, subliñou que «o Partido Popular está máis vivo que nunca, máis respaldado que nunca e tan ilusionado coma sempre».
O presidente dos populares galegos asegurou que «o PP non engana á xente e xa anunciou que os seus concelleiros van votar o mesmo que voten os cidadáns que os elixan: van votar polo candidato do Partido Popular». Con respecto a isto, indicou que «outros tamén os queren botar, pero con “B”, e van facer o que sexa para conseguilo».
En alusión a isto, asegurou que «non o van conseguir porque non saben como é Galicia e descoñecen que o seu verde está nos prados e non no campo da Complutense; porque o AVE galego é un dereito que equipara á Comunidade aor esto, e non un privilexio; e porque o galeguismo serve para tender pontes e non para levantar muros».
«Non todos os partidos son iguais»
Na súa intervención, Feijóo apuntou que «en política, como na vida, non todos os partidos son iguais e a xente prefire ao partido que chama sempre, e que se preocupa por ela no día a día e non cando quere un voto; prefiren ao partido que dá a cara non momentos máis difíciles e non aos que aparecen para aproveitarse cando as cousas empezan a ir ben; apostan polo partido que coñece e acepta Galicia como é e non aos que queren impoñer que sexamos coma eles». Por todo iso, segundo Feijóo, a xente prefire «maioritariamente» ao Partido Popular.
«Fronte a partidos que parecen de mentira, mareas, coalicións indescifrables, militantes rebotados, grupúsculos escindidos, líderes mediáticos, discursos populistas e propostas utópicas, o PP pode presumir que é de verdade, porque está preto dos cidadáns no día a día e nos 314 concellos. Ademais, os populares poden dicir que sacaron ao país da crise, que coñecen aos galegos e forman o partido que máis se parece a Galicia e aceptan ao país tal como é», sinalou.
Por iso, cre que «os que non fixeron as cousas ben nunca as poderán vender, por moi ben que as intenten explicar; os que nunca fixeron nada non poden vender que o fixeron, porque, por moi teimudos que se poñan, a realidade quítalles a razón. Por outra banda, os que si fixeron cousas e o fixeron ben teñen a oportunidade de explicalas aos cidadáns, porque os datos daranlles a razón, pero se as urnas non o corroboran de pouco servirá nos próximos catro anos». Así, Feijóo convidou aos alí presentes «a saír á rúa, convencer e gañar».