Otero considera que acometer esta rexeneración debería ser declarado como espazo natural de interese local tal e como recolle o actual PXOM no “Plan Especial de Protección e Rexeneración Ambiental e Acondicionamento do Corredor do río Lagares”.
“É evidente o total desinterese do actual goberno socialista por conservar este espazo verde, non sabemos se por ignorancia ou falta de cultura ambiental”, destacou Serafín Otero, para quen ese plan “é o instrumento idóneo para recuperación e posta en valor do río, sempre que se desenvolva e xestione, cousa que como dixemos non fixo este goberno”
O candidato nacionalista criticou asemade a “total falla de control dos vertidos contaminantes ao río” por parte das empresas que ocupan as súas marxes. Ao seu xuízo é fundamental executar un “rigoroso control da contaminación e dos vertidos”. Neste sentido considerou imprescindible unha “actuación inmediata” para eliminar os puntos de vertidos contaminantes xa detectados, así como un seguimento continuo da calidade da auga do río, mediante un sistema de análise en tempo real dos vertidos ao colector Lagares.
Creación dun parque fluvial urbano
Outra das medidas defendidas polo Bloque consiste na delimitación e marcado das zonas de servidume do sistema fluvial do paseo do Lagares, tanto dende a avenida de Madrid até o seu nacemento como na desembocadura. “A nosa proposta consiste na transformación do conxunto nun gran parque fluvial urbano conectado coas zonas húmidas e, na desembocadura, co subsistema litoral”, explicou Otero.
Segundo o candidato do BNG, estas medidas e a realización do inventariado da flora e a fauna servirán de base, -xunto ao catálogo de elementos a protexer do patrimonio arqueolóxico como muíños, pontes, pontellas, fontes, lavadoiros-, para declarar o Lagares como espazo natural de interese local. “Porén ao longo destes anos o goberno do PSOE ten deixado esmorecer e deteriorar o actual paseo do Lagares”, criticou.
“Desde o BNG non entendemos por que a prolongación do paseo e a rexeneración das beiras do Lagares non interesa ao goberno socialista. Pola contra, cando outras corporacións máis sensibilidade ambiental tomaron medidas a prol da súa rexeneración, esta tivo consecuencias extraordinarias para a cidade”, concluíu o candidato nacionalista.