Tras o encontro, o candidato nacionalista defendeu que a plusvalía xerada pola venda de Alfageme se destine aos traballadores, que tan so cobraron por agora do Fogasa e que teñen pendentes salarios e indemnizacións. «Até os 45 días por ano traballado queda unha parte importante que aínda non cobraron”, salientou, ao tempo que considerou que o propio Concello cuantificaba as plusvalía en máis de 26 millóns de euros, aínda que puntualizou que “somos conscientes de que non vai ser esa cantidade”.
Ademáis, Otero avogou polo cumprimento do acordo plenario do Concello de Vigo do ano 2010 no que os 26 membros da corporación (un estaba ausente) acordaron que a cantidade que xere de plusvalías serva para completar os salarios dos traballadores e traballadoras que neste momento se lles adebeda. “Parécenos lóxico que se cumpra ese acordo, porque todos sabemos das necesidades que teñen estas familias”, manifestou Otero, quen lembrou que moitas delas estiveron “nunha situación con dificultades e precariedade” mentres a empresa non pechou.
O candidato do BNG salientou que se trata “dunha medida xusta que hai que cumprir a partir do día 24”. Ao respecto afirmou que “se nós temos a Alcaldía ou temos influencia faremos todo o posible para que esa plusvalía xerada pase aos traballadores e traballadoras”. “Esperamos que se resolva da mellor forma posible e o BNG os vai arroupar como nese momento e a partir de agora”, asegurou.
Representante dos traballadores
O representantes dos traballadores Antón Piñeiro expresou a súa confianza na “resolución favorable” da situación. “Fóra do terreo xurídico do debate e do acordo plenario, hai unha autoridade moral e lexítima porque os traballadores foron os prexudicados desta operación”, manifestou.
Piñeiro sinalou que os traballadores só cobraron até agora unha media arredor do 30% das indemnizacións. “Pensamos que a débeda cos traballadores debe superar os 2 millóns de euros en conceptos de indemnización e salario e polo tanto entendemos que con esas plusvalías xeradas os bancos teñen o deber moral de indemnizarnos”, explicou.