Segundo sinalou, o mandato que agora remata supón «catro anos perdidos para a cidade» que, engadiu, «precisa dun cambio de rumbo» ao considerar que o goberno actual non ten un proxecto de cidade.
Otero, que foi presentado pola xornalista Elena Gallego, resaltou que, pola contra, o BNG sí ten unhas liñas mestras nas que basear o seu mandato que serían potenciar a democracia participativa, na que a cidadanía poida participar na toma das decisións, «fronte ao retroceso na calidade democrática destes catro últimos anos», unha afirmación que acompañou do exemplo do ocorrido coa colocación do Bernardo Alfageme en Coia.
“Apostamos por recortes cero en servizos sociais”, asegurou Serafín Otero, para quen é indispensable desenvolver políticas que palíen as consecuencias da crise. Neste sentido salientou que o BNG reforzará as políticas sociais para combater a pobreza e o empobrecemento, con medidas como a gratuidade do bus urbano para persoas desempregadas e a progresividade nas taxas e os impostos municipais, así como un plan de choque contra o desemprego e o paro xuvenil, e na aposta pola xestión pública dos servizos municipais.
“Padecemos un goberno incapaz. Onde está a política cultural? Onde a política deportiva? Que promoción turística se fixo? Que medidas se adoptaron para protexer e poñer en valor o noso medio natural? Que alternativas se lle ofreceron á mocidade, a parte de botar o feche ás agachadas ao Súbete ao Castro? Que políticas para avanzar cara a igualdade real?”, manifestou o candidato nacionalista. Nesta situación Otero puxo en valor o traballo desenvolvido polo BNG nestes catro últimos anos. “Pese a estar na oposición, o BNG vigués presentou numerosas propostas, especialmente en emprego e política social”, subliñou, lembrando as emendas aos orzamentos para lograr aumentar as partidas sociais. “Temos as ideas, temos as propostas e ademais presentámonos tamén cunha equipa de persoas capaces de facer posíbel ese cambio de rumbo”, asegurou o candidato nacionalista, sinalando que a candidatura BNG-Asembleas Abertas está integrada por persoas moi representativas dos movementos sociais, do feminismo e do eido sindical. Segundo destacou, “non avalaremos a continuidade das políticas inútiles do PSOE nin permitiremos o retorno do Partido Popular”.