En declaracións aos medios de comunicación antes da asamblea, Henrique Viéitez remarcou que tras uns «resultados malos sen paliativos» a prioridade agora pasa por «escoitar a opinión da base social», as súas propostas e as súas críticas ante os malos resultados electorais. «Evidentemente hai cousas que temos que corrixir e iso o admitimos sen nengún tipo de dúbida, pensamos que a nivel xenérico temos sido unha boa formación política pero hai cousas que non acertamos ou non fumos capaces de transmitir na súa xusta medida», sinalou Viéitez, que dixo que escoitarán e actuarán «sen límites» e coa única esixencia de cumplir cos estatutos e a resolución da asamblea nacional. «O que nos preocupa é ter unha organización forte e potente que nos permita encaixar este tipo de resultados», sinalou.
A intención e, dixo, reorientar o rumbo da organización antes do verán, no que decrece considerablemente a actividade política, e co obxectivo fixado na vindeira cita electoral coas eleccións xerais, nas que o BNG se presentará como alternativa de futuro xa que, lembrou Viéitez, é a única formación nacionalista que se presentará. «Escoitaremos e logo tomaremos as decisións que consideremos máis oportunas», adiantou para acto seguido remarcar que «esto ten que estar regularizado antes do verán porque temos que encarar setembro cos problemas resoltos».
O responsable local do BNG vigués non descartou a renovación de cargos unipersoais ou de organización pero subliñou que non están por agora enriba da mesa xa que se trata na maioría dos casos de «cuestións para o escaparate». En todo caso, se o demanda a militancia se abriría coma sempre un proceso de asamblea para tomar as decisións necesarias.
Tras encarar os rumbos, o seguinte paso será avanzar no traballo municipal xa que pese a non ter representación o BNG quere seguir presente nas parroquias e nos barrios nos que, lembrou Viéitez, o tecido asociativo é fundamental. «Xa estivemos sen representación na Corporación oito anos dende 1983 e voltamos polo traballo feito na base social», sinalou. «Hai vida máis alá do Concello», concluiu.