Nesta liña defendeu a implantación de bonificacións e exencións na taxa do lixo e nas taxas de servizos básicos como as escolas infantís, deportivas, de ensinanzas especiais, entre outros, segundo os niveis de renda. Ademais considerou prioritario “mellorar as facilidades para o pago de tributos”, mediante a ampliación das fórmulas de fraccionamento ou permitindo aprazamentos para persoas sen ingresos. Tamén cre fundamental que o Concello faga unha “previsión realista de ingresos”, tendo en conta a constante redución das achegas que proveñen doutras administracións. “Trátase de rebaixar a presión fiscal sobre as rendas máis baixas e ao tempo facilitar o acceso a servizos que consideramos esenciais”, subliñou.
Propostas sobre o IAE, o IBI e outros impostos
Para garantir a progresividade fiscal, o BNG propón actualizar o imposto de actividades económicas (IAE), para aquelas empresas que facturan máis dun millón de euros nos últimos exercicios. Neste sentido, Otero lembrou que desde o 2003 están exentos de IAE todas as persoas físicas e xurídicas que teñan menos de un millón de euros de facturación anual, pero hai 4.000 grandes empresas en Vigo que facturan máis dun millón de euros.
Para Serafín Otero a modificación do IBI é outra das medidas imprescindibles para acadar unha fiscalidade progresiva e máis xusta. Neste sentido explicou que o BNG propón a redución das taxas aos pequenos e medianos comercios, así como a bonificación do 95% do IBI á Universidade de Vigo.
Por outro lado, defendeu a nivelación deste imposto aos denominados Bens de Características Especiais (Concesións portuarias, aeroporto, autopistas, encoros, etc.), que “curiosamente non se viron afectados pola subida do IBI feita polo Partido Popular hai catro anos”.
O candidato do Bloque avogou asemade o aumento das taxas por licenzas de actividade e instalación das superficies comerciais de máis de 500 m2 e o cobro do IBI a aqueles edificios pertencentes á igrexa católica que non estean exentos segundo a lei de facendas locais e o acordo entre a santa sede e o goberno español sobre asuntos económicos.