Cal sería a máxima prioridade do seu mandato ao frente do Concello de Vigo?
Transformar o Concello nunha institución transparente, democrática, con igualdade de oportunidades, e que pule pola recuperación dos servizos públicos privatizados nos anos 90 para que poidan revertir no ben común.
Cómo xerará máis emprego dende o goberno local?
A pesar de que os concellos teñen unhas competencias moi limitadas e concretas en materia de emprego; cos recursos públicos pódense establecer plans de emprego, empresas municipais, iniciativas de emprego nos barrios….que sirvan como ferramenta de loita contra o desemprego e a precariedade. Para que estas funcionen, deben de estar sometidas a unha forte tutela pública, para evitar que sexan ferramentas de engorde das contas de resultados das empresas privadas. En canto as competencias que o Concello ten sobre emprego, no caso das concesións públicas, consideramos que é necesaria unha reforma nas cláusulas dos pliegos en materia laboral para garantir así as condicións dignas de traballo, xunto coa calidade do servizo.
Deixará o barco na rotonda de Coia? E a seguridade policial?
O engorde da tolemia e empecinamento do alcalde en colocar ai ese barco xa costou demasiados recursos públicos. A nosa proposta pasa por darlle unha utilidade pública que non vai cumplir no medio dunha rotonda. Como xa temos manifestado, a Marea pula pola creación dun museo da industria de Vigo (construcción naval, industria conserveira, automoción…) que construa a memoria colectiva da historia industrial de esta cidade. Nese museo, o barco cumpriría unha función pedagóxica sobre como eran os primeiros barcos de altura construidos nesta cidade.
Está a favor de dar axudas económicas ás compañías aéreas?
Non. O primeiro que temos que poñer en cuestion é como se poden dar axudas de ata 600.000 a empresas sen pasar por concursos públicos, onde estarían sometidas, en igualdade, a uns criterios técnicos. Seguindo os informes do tribunal de contas, que poñen en dúbida estas axudas a compañías aéreas, a Marea defende un control sobre se realmente estas axudas son útiles para consolidar rutas aéreas, especialmente no que ten que ver co feito do abaratamento do prezo do billete unha vez artelladas estas axudas.
Remate a seguinte frase. En Vigo aínda queda moito por facer en…
Integracion social e loita contra a pobreza, especialmente a pobreza infantil; políticas medioambientais sostibles (zonas verdes, consumo responsable….); planificación urbanística acorde coas necesidades da cidade; transparencia no concello e participación da cidadanía na toma de decisions e integración metropolitana.
Que lle diría aos que se opoñen a reforma de Balaídos por consideralo un gasto excesivo en medio dunha crise económica?
Como toda inversión nun edificio público, consideramos positivo que se mellore, ante unha deficiencia que pode xerar riscos para a cidadanía que asiste masivamente a ese espacio en fin de semana. Pola contra, consideramos absolutamente inxusto por parte do Real Club Celta, empregar en rexime de usufructo, unha infraestructura pública ó coste dun euro anual, sen ningun tipo de retorno directo as arcas municipais. Propoñemos unha renovación do convenio que implique que o concello e as administracións que actuen na remodelación obteñan retorno da inversión en base a unha participación nos beneficios das entradas o recinto.
Bolsas de inglés, si ou non?
Máis do 40% dos gastos que realizan os nosos concellos forman parte do que se coñece como gastos impropios. Gastos que corresponderían a outras administracións que por un ou outro motivo non os realizan e os acaban asumindo administracións municipais, como é o caso das becas do estudo, que corresponden o ministerio de educación e a consellería de educación. Polo tanto, si, pero sempre e cando exista financiación por parte das administracións as que lle corresponden estas competencias.
Cal e o xeito de combatir a pobreza dende o Concello?
Dende logo, non é o modelo de cheque asistencial que se está instaurando no noso concello, senon a planificación duns servizos sociais dignos, con criterios profesionais e con recursos humanos e materiais acordes coas necesidades da cidade (cumplir escrupulosamente os ratios de traballadoras/es sociais por habitante). Do mesmo xeito, a loita contra a pobreza significa garantir que os servizos básicos como auga, luz e teito, estén garantidos para as familias sen ingresos ou con ingresos por debaixo do SMI.
Está dacordo coa entrega dos cheques sociais?
Non, na maior parte de estas actuacións hai unha intención propagandística e non de mellora da vida de moitas familias que atópanse en risco de exclusión social. Tal e como xa vimos de expoñer, sen uns servizos sociais de calidade, xunto coa garantia duns dereitos básicos a toda a cidadania, o que esá facendo o Concello con estas axudas poderíase calificar de caridade máis que de solución a un problema.
É suficiente a oferta museística da cidade?
Temos suficientes «continentes» culturais, pero faltannos os «contidos». Gran parte dos edificios destinados á cultura, non se explotando debidamente. Non existe unha rede integrada de museos que permita planificar exposicións colectivas, xornadas culturais, etc….Propoñemos a creación dunha empresa pública de xestión cultural, e a recuperación de concesións ruinosas como a do auditorio Mar de Vigo, e o control das empresas concesionarias dos servizos museísticos, acorde coas nosas propostas en materia laboral no ámbito das concesionarias do Concello, onde estamos vendo que se están levando concesións empresas de dudosa legalidade e comprobado incumprimento cos dereitos laborais, co detrimento ademáis que isto supón na calidade do servizo.