Explicou que a convocatoria realizouse diante da oficina da rúa Venezuela tras “a prohibición do goberno municipal de convocar aos medios de comunicación nunha visita á ETAP do Casal, tal e como a solicitamos”.
“Defendemos que é un servizo que ten que ser eficaz e sostible e que para iso temos a necesidade de que o servizo de auga se remunicipalice”, salientou Otero, ao tempo que asegurou que debe ser o propio concello o que controle o abastecemento e o saneamento.
Segundo criticou o candidato nacionalista, “estamos presos por un contrato con Aqualia de hai máis de 25 anos”, que ao seu xuízo supón “un encarecemento para toda a cidadanía de Vigo do recibo da auga”. Apuntou ao respecto que os vigueses e viguesas pagan “unha dobre cantidade, un dobre custe”, debido a que por un lado hai que ter en conta o recibo, que se paga por máis gasto do que se consume, e por outro lado se lle aplica o IVE a esa cantidade que non se consume.
Neste sentido salientou que o novo sistema tarifario debe cobrar segundo o consumo real, estimulando o aforro penalizando o consumo excesivo. “Entendemos que o cobro polo consumo real debe ser unha medida inminente”, subliñou, ao tempo que destacou que o obxectivo é “iniciar desde xa o estudo e deseño dun novo modelo de xestión”.